Imprimir

O BNG defenderá unha moción en Santiago para reducir o IVE do 21 ao 4% no recibo da luz, “porque é un ben básico”

bngsantiago | 29 de Outubro de 2018

Goretti Sanmartín sinala que é imprescindíbel a modificación das ordenanzas fiscais e incluír o cobro ás eléctricas polo uso do espazo público e bonificacións sociais contra a pobreza enerxética para negociar os Orzamentos de 2019

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, presentou unha moción para reclamar a redución do IVE do 21 ao 4% no recibo da luz, a aplicación da tarifa eléctrica galega e a modificación das ordenanzas fiscais do Concello de Santiago para poder cobrarlles ás empresas de subministración de enerxía o imposto polo uso de espazo público dos tendidos. Ademais, anunciou un acto informativo o martes 6 de novembro ás 20:00 no Museo das Peregrinacións con Fernando Branco, experto en Enerxía da CIG, e con Noa Presas, responsábel de Industria do BNG no Parlamento.

Segundo explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, o acceso á luz é un “dereito básico como pode ser o pan” polo que “é necesario garantirlle ao conxunto da poboación a temperatura que precise para manter os fogares quentes”. Engadiu que “neste momento non se pode consentir este prezo da luz; esta estafa temos que evitala, porque os oligopolios das eléctricas continúan a medrar para conseguir beneficios e o Estado en recadar”.

“Cando Galiza exporta enerxía, hai máis de 442.000 persoas que declaran que non poden permitirse ter a vivenda cunha temperatura adecuada e temos unha taxa de pobreza que continúa a medrar e está nun 15% en Santiago de Compostela, segundo os datos do IGE”, sinalou.

Entre as causas, indicou que Galiza é un espazo produtor principal de enerxía por decisións tomadas durante o franquismo “que significa que pese ter os custos de produción ambiental e social de enerxía logo non temos ningúns beneficios, senón todo o contrario, cos suplementos territoriais págase aquí a luz máis cara do Estado”, engadiu. Así, o BNG “leva tempo a reclamar un tarifa eléctrica galega que compense o feito de ser produtores e de asumir eses custos ambientais e sociais”.

En canto á fiscalidade, considerou que son impostos “abusivos” pois pagamos o IVE dos máis altos de Europa, “máis alto cás touradas e cos coches de luxo, por iso solicitamos que se baixe ao que lle corresponde a un produto básico dun 4%”

Para Goretti Sanmartín, desde o Concello de Santiago tamén se pode actuar porque, segundo lembrou, o BNG presentou unha iniciativa en xaneiro de 2017 aprobada por unanimidade para cobrarlles ás eléctricas polo paso dos gasodutos e das liñas de alta tensión no uso do espazo público, como xa funciona nalgúns concellos. “Ese diñeiro recadado podería dedicarse a bonificacións fiscais para persoas e familias desfavorecidas e con problemas para pagar a tarifa da luz”, sinalou.

De aí que o BNG, “para comezar o debate das negociacións para aprobar os orzamentos de 2019” lle indicou ao Goberno de Compostela Aberta que cómpre modificar as ordenanzas fiscais, “co fin de poder incluír este cobro ás empresas eléctricas e facer as bonificacións sociais”. Sinalou tamén que, ademais dos incumprimentos das negociacións anteriores, era “imprescindíbel” comezar por “mudar as ordenanzas fiscais que poden favorecer tamén que as familias que teñen máis problemas para pagar a tarifa da luz dispoñan de bonificacións que se poden conseguir e foron aprobadas en Pleno”.

Esta moción vai en correlación cunha campaña do BNG, sinalou a portavoz nacionalista, de recollida de sinaturas por todo o país para reclamar a tarifa eléctrica propia para Galiza, a eliminación dos suplementos territoriais, a baixada do IVE na factura eléctrica, a garantía de dereitos básicos na subministración para que se asente o tecido económico e industriais do país. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-defendera-mocion-santiago-reclamar-reducion-do-ive-do-21-ao-4-recibo-da-luz-porque-ben-basico/20181029140609002277.html


© 2018 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal