VIVENDA

O BNG demanda un compromiso por escrito para a construción de vivenda de protección pública en Xoán XXIII

Acto de Galiza Nova en 2015 para reclamar vivenda pública
Acto de Galiza Nova en 2015 para reclamar vivenda pública
“O acondicionamento desta parcela como zona verde non pode ser unha solución definitiva nun contexto de crise en que se incrementa a demanda de vivenda de alugueiro”, explica Goretti Sanmartín
O BNG demanda un compromiso por escrito para a construción de vivenda de protección pública en Xoán XXIII

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2020.- O grupo municipal do BNG, logo do protocolo de colaboración asinado entre o alcalde e a conselleira de Vivenda en funcións para acondicionar como zona verde a parcela de Xoán XXIII, demanda un compromiso por escrito para que se inclúa nos Orzamentos da Xunta de 2021 unha partida para emprender o proxecto de construción de vivendas de protección destinadas a alugueiro.

Segundo o protocolo asinado, a Xunta encargarase de acondicionar esta parcela de 1.700 metros cadrados, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo, mentres que o Concello de Santiago realizará o mantemento da nova zona axardinada.

Para Goretti Sanmartín, “o acondicionamento desta parcela como zona verde non pode ser unha solución definitiva nun contexto de crise en que se incrementa a demanda de vivenda de alugueiro para persoas con escasos recursos económicos” e, por estes motivos, “sería unha irresponsabilidade abandonar este proxecto coa complicidade do alcalde, como xa fixo o PP durante os últimos 11 anos no Goberno da Xunta”.

Deste xeito, o BNG insta o alcalde a negociar coa Xunta un prazo concreto para iniciar a construción de vivenda protexida na parcela de Xoán XXIII co obxectivo de contribuír a aliviar a situación económica das persoas que precisan casa en Santiago de Compostela e, especialmente, no ámbito da mocidade que está a ser expulsada da cidade polos altos prezos. “Estráñanos que isto non sexa prioridade para o alcalde de Santiago e prefira converter este espazo en zona verde co risco de que logo non se retome o proxecto de creación de residencia protexida tan necesario nestes momentos”, concluíu Goretti Sanmartín.

O BNG demanda un compromiso por escrito para a construción de vivenda de protección pública en Xoán XXIII