PLENO

O BNG impulsa abrir unha nova vía xudicial e reclamarlle á familia Franco a devolución das esculturas do Mestre Mateo

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi
Resumo das iniciativas do BNG no Pleno de setembro de 2020
O BNG impulsa abrir unha nova vía xudicial e reclamarlle á familia Franco a devolución das esculturas do Mestre Mateo

O BNG esixe que todas as familias teñan praza garantida nos comedores escolares municipais

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2020.- A portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha moción que finalmente foi asinada no Pleno de setembro por todos os grupos municipais para abrir unha vía xudicial, coa nova documentación atopada, para recuperar para o patrimonio público as esculturas do obradoiro do Mestre Mateo propiedade do Concello de Santiago que están en poder da familia Franco. A iniciativa converteuse en moción conxunta e foi aprobada por todos os grupos.

Após a sentenza xudicial que desestimou a demanda polas esculturas do Concello de Santiago que manteñen os herdeiros do ditador Francisco Franco, que mesmo pon en dúbida que sexan as mesmas da autoría do obradoiro Mestre Mateo de propiedade municipal, xurdiu nova documentación froito das investigacións do profesor Francisco Prado-Vilar. Deste xeito, a Corporación municipal acordou que o Concello de Santiago inste as administracións públicas, Goberno do Estado, Xunta e Deputación Provincial da Coruña, a abrir un novo procedemento xudicial, co apoio e colaboración do Concello de Santiago de Compostela, de persoal investigador e de asociacións para a recuperación da memoria histórica, para reclamarlle á familia Franco estas esculturas do Mestre Mateo de propiedade municipal declaradas Ben de Interese Cultural de cara a súa protección, difusión e recuperación para o patrimonio público, para proseguir o camiño aberto na recente sentenza sobre o pazo de Meirás froito do traballo coordinado entre distintas administracións.

Interpelación sobre os comedores escolares

Neste Pleno, o BNG tamén realizou unha interpelación ao alcalde ante a falta de transparencia e improvisación na apertura de comedores escolares para coñecer, entre outros, se vai habilitar novos espazos para prestar o servizo de comedores escolares e atender a demanda existente deses 1.270 alumnos/as que solicitaron praza para o curso 2020/2021. Goretti Sanmartín preguntou se vai facilitar a posibilidade de asistir ao comedor ás familias con proxenitores que traballan ou teletraballan varios días á semana e que, con eses criterios do decreto, quedan relegadas ao dereito á conciliación. Outra das cuestións foi para saber se vai organizar un paquete de actividades extraescolares e de conciliación durante o curso escolar necesario nestes tempos de excepcionalidade por mor da pandemia. Esixiu a derrogación do decreto municipal e a elaboración dun novo negociado coas ANPA. Ao abeiro desta interpelación interveu Esther Martínez, en representación das ANPA.

Outra das iniciativas aprobadas do BNG foi a proposición para a revisión do Plan Especial das Brañas de Sar, datado en 2011, para incrementar a súa protección ambiental e os espazos de lecer e deportivos ao aire libre durante a pandemia da covid-19. O Concello de Santiago de Compostela realizará unha intervención nos camiños do Viso á Costa Vella para continuar co saneamento e acondicionamento da ribeira do Sar para proseguir co cinto verde e ofrecer unha nova zona máis coidada desde a perspectiva ambiental. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PP e coa abstención do PSOE.

Unha das mocións foi para que as obras pendentes de Puente la Reina e a avenida de Quiroga Palacios presten especial atención á adaptación ás medidas que favorecen a accesibilidade. O BNG reclama que este proxecto se inclúa nos Orzamentos de 2021 e sexa revisado coa veciñanza para explicar a obra e contrastar as súas necesidades de cara a mellorar a rede viaria, o pavimento, a accesibilidade e a incorporación de colectores de recollida selectiva de residuos, ademais de incluír a renovación da rede de saneamento, a instalación de iluminación pública e a plantación de árbores. Aprobouse cos votos de BNG e CA e as abstencións de PSOE e PP.

Produtos de horta na praza de abastos

O BNG tamén reclamou nesta sesión plenaria que se habiliten espazos alternativos para a venda de produtos de horta de proximidade nalgunha praza situada nas inmediacións do mercado de abastos, co obxectivo de adaptarse aos criterios derivados da prevención da pandemia, e liñas de axuda para este sector durante a pandemia da covid-19.

Unha das preguntas foi para saber se o Goberno local vai negociar, de xeito transparente, cos gobernos da Xunta e do Estado o convenio para a construción da nova estación depuradora de augas residuais tendo en conta que se trata dunha obra de interese xeral cun custe que se debe asumir con fondos públicos para evitar que implique a súa devolución en forma de préstamo ou repercutir nunha suba no recibo da auga que pague a veciñanza, ademais de cumprir o obxectivo de que se inicie esta obra canto antes e evitar que continúen as verteduras ao río Sar.

Recollida de residuos

Un rogo serviu para reclamar o control do servizo da empresa concesionaria da recollida de residuos para o cumprimento do contrato actual, ademais de que se dispoña do persoal preciso para reforzar o servizo para a realización das funcións derivadas da pandemia e se inclúan no prego do novo contrato as necesidades que propón o comité de empresa para cumprir o convenio laboral no relativo a substitucións e conformación de brigadas.

Outro dos rogos foi destinado para conseguir unha correcta iluminación das rúas do Home Santo e da Angustia, con proxección para as beirarrúas para reducir a contaminación, así como dos lugares onde se detecte este problema, ademais de mellorar a iluminación do Campus Sur, en colaboración coa USC, posto que segue a ter zonas de escuridade que provocan inseguranza.

O BNG tamén demandou, mediante un rogo, que se poñan a disposición da comunidade educativa, tras facer o pertinente inventario e en caso de seren necesarias, as instalacións municipais para favorecer que se poidan impartir aulas e actividades extraescolares durante a pandemia e que se estabeleza a fórmula máis acaída para que iso poida acontecer no caso das instalacións universitarias.

 

O BNG impulsa abrir unha nova vía xudicial e reclamarlle á familia Franco a devolución das esculturas do Mestre Mateo