O BNG impulsa a colocación da placa na rúa Moeda Vella para lembrar cantigas e visibilidade LGTBI

O BNG impulsa a colocación da placa na rúa Moeda Vella para lembrar cantigas e visibilidade LGTBI

moeda.vella.pEsta iniciativa do BNG para recoñecer o dereito á diversidade sexual foi aprobada polo Pleno da Corporación

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2016.- Rubén Cela, Goretti Sanmartín e Carlos Callón participaron no acto de descubrimento dunha placa na rúa da Moeda Vella, unha iniciativa levada ao Pleno polo BNG, ao aparecer mencionada en cantigas medievais en relación coa visibilidade LGBTI. Así, grazas a esta moción, organizouse un evento con motivo do Día do Orgullo na lembranza de Sancha Pérez e María Leve, que viviron como parella nesta rúa no século XIII.

En diversas cantigas medievais do trobador Joan Vasques de Talaveira menciónase que na rúa da Moeda Vella, en Santiago de Compostela, viviu no século XIII unha parella de mulleres chamadas Sancha Pérez e María Leve. En concreto, unha destas cantigas usa como refrán "en a Moeda Velha vai morar Dona María Leve, a seu pesar".

Na moción recollíase que a aparición do lesbianismo nos textos de forma tan explícita amosa que, a pesar da persecución eclesiástica e civil, houbo épocas históricas en que na sociedade convivían formas de relación entre persoas do mesmo xénero que mesmo deixaron pegada na literatura galega. Así se menciona no roteiro e no libro de Carlos Callón “Amigos e Sodomitas”.

Para o grupo municipal do BNG, a divulgación deste feito contribúe a favorecer o recoñecemento á diversidade sexual e a reivindicar a visibilidade LGBTI, tendo en conta os episodios de agresións homófobas acontecidos tanto histórica como recentemente en Santiago de Compostela.

O grupo municipal do BNG participou tamén no acto institucional de izado da bandeira LGBTI no pazo de Raxoi.

O BNG impulsa a colocación da placa na rúa Moeda Vella para lembrar cantigas e visibilidade LGTBI