XESTIÓN

O BNG insta o alcalde a solucionar os graves problemas abertos por manter os servizos de limpeza sen contrato

Esta situación aféctalles ás instalacións municipais e a 14 centros de ensino
 

O BNG insta o alcalde a solucionar os graves problemas abertos por manter os servizos de limpeza sen contrato

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2018.- O grupo municipal do BNG insta o alcalde Martiño Noriega a solucionar, de urxencia, os problemas que ten abertos por prestar o servizo de limpeza dos centros escolares e das instalacións municipais con dúas concesionarias que están sen contrato.

Para o concelleiro Rubén Cela, urxe que o alcalde tome cartas no asunto co fin de garantir a continuidade con soporte xurídico da prestación do servizo de limpeza e de conserxería nos colexios, posto que Ferrovial acabou o contrato en abril e as prórrogas legais posíbeis, mais segue a levantar reparos de Intervención para lle pagar a esta empresa. Esta situación de precariedade aféctalle a 14 centros de ensino e 56 traballadores e traballadoras.

O mesmo acontece coa limpeza das instalacións municipais, que levan desde maio sen contrato e tamén expirou o prazo de prórroga. Neste caso, é a empresa multinacional ISS Facility Services a que continúa após rematar prazo da adxudicación.

Ademais, responsabiliza o alcalde de manter esta situación provocada por mor da falta de dilixencia da xestión en publicar novo concurso, cando o Goberno de Compostela Aberta era coñecedor dos prazos que caducan.

O BNG considera que non é tempo de escusas, porque Compostela Aberta tivo tempo máis que suficiente para preparar os pregos destas contratacións, mais opta por incumprir a Lei de Contratos do Sector Público cando un dos seus compromisos era velar pola regularización e transparencia da xestión municipal.

Advirte, ademais, que resulta preocupante que entre os servizos que regularizan a súa situación se atopen empresas concesionarias que adoptan medidas moi drásticas contra os cadros de persoal que prestaban ese traballo, como no caso dos centros socioculturais.

O BNG insta o alcalde a solucionar os graves problemas abertos por manter os servizos de limpeza sen contrato