PREVENCIÓN

O BNG insta a rozar, de urxencia, a vexetación que invade beirarrúas e espazos públicos en todas as parroquias

IMG-20190702-WA0005
A maleza invade beirarrúas

Recibiu numerosas queixas de distintos barrios e a preocupación da asociación veciñal de Angrois sobre a maleza que existe nos laterais da vía de ferrocarril

O BNG insta a rozar, de urxencia, a vexetación que invade beirarrúas e espazos públicos en todas as parroquias

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2019.- O grupo municipal do BNG recibiu numerosas queixas nas últimas semanas de espazos públicos invadidos pola vexetación, polo que insta o Goberno local a efectuar de urxencia os labores de roza de maleza que lle corresponden.

A proliferación de especies como fentos, xestas e silveiras que dificultan o paso en beirarrúas, parques e camiños causa problemas á veciñanza para transitar e diminúe a visibilidade para as persoas condutoras, o que pode ocasionar problemas de seguranza viaria, de accesibilidade e de risco de incendio.

En xeral, están todos os barrios e parroquias afectados polo atraso en iniciar estes traballos de mantemento que deben ser periódicos e con especial dedicación durante o verán para a prevención de incendios. Entre os lugares dos que o BNG recibiu queixas que precisan rozar esta maleza están o Camiño dos Vilares e acceso ao recinto feiral de Amio, a rúa SD Compostela en San Lázaro, en San Cristovo da Enfesta na Sionlla de Arriba, na avenida da Mestra Victoria Míguez, no barrio do Pombal, na travesía de Vista Alegre, na rúa das Trece Rosas e travesía da Poza en Santa Marta, na Volta do Castro, na rúa de Torrente, no acceso ao ambulatorio de Conxo, no cruce da Calzada das Cancelas coa rúa Mallou, na Costa do Vieiro ou na estrada que sobe a Vidán cara ao Pedroso por Sarela de Abaixo.

Ademais, recibiu a preocupación da Asociación de Veciños/as de Angrois sobre a maleza que existe nos laterais da vía de ferrocarril, polo perigo que entraña, que xa lle foi trasladada tamén ao Goberno local do PSOE para que limpe esta zona ou xestione con ADIF ou coa Xunta para manter en bo estado este trazado co obxectivo de evitar o risco de incendio.

Para o BNG é fundamental tamén que se realicen as rozas de xeito periódico nos parques forestais de propiedade municipal e puxo como exemplo a maleza existente na Selva Negra, que ten un metro de altura na zona de acceso cando é unha zona verde que recibe numerosas visitas nesta tempada de verán.

O BNG insta a rozar, de urxencia, a vexetación que invade beirarrúas e espazos públicos en todas as parroquias