Imprimir

O BNG lembra o compromiso plenario de converter as Hortas nun parque público

bngsantiago | 30 de Agosto de 2018

Silveiras nas Hortas
Silveiras nas Hortas

En vez de ter un atractivo espazo verde compatíbel con cultivos agrícolas, as silveiras teñen máis de dous metros de altura

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2018.- O grupo municipal do BNG recórdalle ao Goberno local de Compostela Aberta o acordo plenario para converter as Hortas nun parque público, que fora aprobado por unanimidade en xaneiro de 2016. En dous anos e medio non se coñecen avances na xestión, á parte de manter silveiras que na actualidade alcanzan máis de dous metros de altura neste espazo de uso tradicional agrícola como revela a súa toponimia.

A iniciativa do BNG pretendía converter este espazo abandonado nun atractivo parque urbano para o lecer compatíbel co uso do sistema de leiras públicas xa experimentado con éxito noutros emprazamentos de Santiago de Compostela. Trátase dun lugar emblemático de superficie agraria útil que cómpre poñer a producir ao tempo que se transforma nun gran parque, de dimensións superiores á praza do Obradoiro, para o goce da veciñanza e das persoas que visitan a cidade.

Deste xeito, coa creación deste parque promoveríase o consumo de produtos locais e a súa produción nestas hortas que recuperan a función de orixe que mesmo quedou plasmada na toponimia, cunha boa oportunidade para a fusión rural e urbano cun carácter sustentábel.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-lembra-compromiso-plenario-converter-hortas-nun-parque-publico/20180830121252002235.html


© 2018 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal