PLENO

O BNG lémbralle ao alcalde que debe intervir na zona das Hortas

hortas 010
hortas

Presenta un evidente estado de abandono con vexetación invasora

O BNG lémbralle ao alcalde que debe intervir na zona das Hortas

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2016.- O grupo municipal do BNG reclámalle ao Goberno de Martiño Noriega que actúe na zona das Hortas porque presenta un evidente estado de abandono, con vexetación invasora superior aos dous metros de altura, e lémbralle que foi aprobada no Pleno de xaneiro unha iniciativa para converter este espazo nun parque urbano compatíbel co uso agrícola tradicional de hortas de carácter público.

Trátase dun lugar emblemático de superficie agraria útil que cómpre poñer a producir ao tempo que se transforma nun gran parque, de dimensións superiores á praza do Obradoiro, para o goce da veciñanza e das persoas que visitan a cidade. No texto remitido á Unesco para a Declaración como Conxunto Histórico Artístico, usado como base para a Declaración da Cidade Histórica Patrimonio da Humanidade, figura a protección deste espazo de hortas de pequenas dimensións que son testemuña da configuración urbana e da estrutura económica da cidade dende a Idade Media.

Coa iniciativa do BNG, aprobada por unanimidade, inclúese a promoción do consumo de produtos locais e a súa produción nestas hortas co obxectivo de recuperar a función de orixe que mesmo quedou plasmada na toponimia, cunha boa oportunidade para a fusión rural e urbano cun carácter sustentábel.

Esta intervención pode complementar o programa de hortas urbanas emprendido en Santiago de Compostela para fomentar as prácticas agrícolas ecolóxicas e tradicionais ao tempo que se recupera superficie agraria útil desaproveitada en Belvís, Fontiñas-Cotaredo e Caramoniña, cunha ordenanza municipal específica que as regula. Así, o Concello cede o uso destas terras á veciñanza e as parcelas están identificadas con cadanseu número e nome da persoa que a cultiva, ademais de pór a disposición un espazo de usos comúns con aseos e vestiarios, apeiros e auga, entre outros.

 

O BNG lémbralle ao alcalde que debe intervir na zona das Hortas