ORZAMENTOS

O BNG non apoia os Orzamentos de 2019 ante o incumprimento de acordos e a negativa de CA a introducir bonificacións fiscais

O 75% dos proxectos aprobados en Pleno quedaron sen realizar durante o Goberno de Compostela Aberta

O BNG non apoia os Orzamentos de 2019 ante o incumprimento de acordos e a negativa de CA a introducir bonificacións fiscais

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2018.- O grupo municipal do BNG votou en contra dos Orzamentos para 2019 ao non aceptar Compostela Aberta as condicións previas para a negociación: o cumprimento de acordos anteriores e a modificación das ordenanzas fiscais para introducir novas bonificacións co fin de que paguen menos impostos as persoas que menos teñen.

“Temos a impresión de estar diante dun goberno máis preocupado pola estética que polo contido e a aprobación real deste orzamento”, explicou Rubén Cela, “xa que Compostela Aberta non tivo vontade real de chegar a acordos e non asumiu que está en minoría”. Nesta situación “a negociación é crucial e o acordo non é unha posibilidade, senón que é unha obriga”, engadiu. “O único responsábel de non aprobarse os Orzamentos para 2019 é Compostela Aberta”, ao tempo que anunciou que no caso de prorrogar os Orzamentos “poderán contar, se o estiman oportuno, co noso grupo para sacar adiante aqueles modificativos de crédito nos que coincidamos que son importantes e urxentes” para a veciñanza.

Segundo afirmou Rubén Cela no Pleno extraordinario, o Bloque Nacionalista Galego sempre mantivo “unha predisposición real a dialogar, acordar e sacar adiante proxectos e actuacións que fosen positivas para Santiago e para a súa veciñanza”. Entre outras, os sucesivos orzamentos municipais. Ademais de manter unha posición “construtiva, seria e rigorosa a respecto da negociación dos orzamentos municipais deste Concello”.

Ante o escaso cumprimento de acordos das negociacións anteriores, o BNG puxo dúas condicións previas na negociación que non aceptaron, a primeira era que se materializasen os compromisos adquiridos en 2017 e 2018 non cumpridos e a segunda que, ademais dos gastos, se puidese falar dunha parte moi importante dos ingresos a través do debate das ordenanzas fiscais. Mais Compostela Aberta negouse a modificar as ordenanzas fiscais e presenta un balance moi baixo de execución dos compromisos pactados en anualidades anteriores, co que pechou a porta a continuar a negociación.

En canto aos acordos cumpridos a proposta do BNG, Rubén Cela lembrou o acondicionamento da zona do Banquete de Conxo, o novo edificio para a Escola Municipal de Música, a ampliación da bolsa de comedores até 600.000 euros, a recuperación do Premio Xohana Torres e outras que están en proceso como a pista de skate, aparcadoiro do Conservatorio profesional de música ou dous dos parques infantís cubertos.

No relativo aos incumprimentos, destacou o aparcadoiro do Ensanche, o cambio da cuberta da piscina de Sar, o pagamento á carta dos impostos municipais, o proxecto piloto de actividades extraescolares e de conciliación, a regularización dos servizos sen contrato, a instalación de marquesiñas accesíbeis, a redución das subvencións nominativas e o arranxo do campus sur, entre outras.

Deste xeito, referiuse a que o 75% dos proxectos aprobados en Pleno quedaron sen cumprir durante o Goberno de CA, ademais de prever que pechará o exercicio de 2018 con perto do 80% do diñeiro reservado para obras sen executar. “Se a isto lle sumamos que o pago medio a provedores pasou de 32,8 días en febreiro a 87,58 en outubro, case o triplo do máximo legal, é evidente que non estamos diante do paradigma de boa xestión”, dixo.

Para o BNG, o máis preocupante destes Orzamentos é que os gastos correntes soben por riba do 4% e os ingresos da mesma natureza o fan só no 1%. “Este feito vai directamente relacionado coa negativa de CA de aprobar unha nova política fiscal para Compostela, que leve a pagar menos ás persoas que menos teñen; unha política progresiva e que xere novas fontes de ingresos para o Concello”, explicou.

O BNG non apoia os Orzamentos de 2019 ante o incumprimento de acordos e a negativa de CA a introducir bonificacións fiscais