PLENO

O BNG pregúntalle ao alcalde pola musealización do legado de Monicreques Kukas

Isabel Rey e Marcelino de Santiago (foto: LVG)
Isabel Rey e Marcelino de Santiago (foto: LVG)

Esta compañía vén de recibir o Premio da Cultura na modalidade de Artes Escénicas no seu 40 aniversario

O BNG pregúntalle ao alcalde pola musealización do legado de Monicreques Kukas

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2019.- O grupo municipal do BNG pregúntalle ao alcalde que pasos deu para facer efectivo, en colaboración con outras administracións, o acordo plenario para a cesión e musealización do legado dos Monicreques Kukas, que veñen de recibir o Premio da Cultura na modalidade de Artes Escénicas cando celebra 40 anos de existencia.

Por iniciativa do BNG, no Pleno de xaneiro de 2017 acordouse subscribir un convenio de colaboración con Monicreques Kukas para a cesión, musealización, exposición e difusión do legado desta compañía histórica de teatro co fin de enriquecer a oferta cultural de Santiago de Compostela.

Monicreques de Kukas, primeira e máis antiga compañía de teatro contemporáneo con marionetas de Galiza, naceu en Compostela no ano 1979 e dispón dun patrimonio material fundamental da cultura galega. Está constituído por monicreques, máscaras, cabezudos, xigantes, atrezzos, escenografías, manuscritos de obras teatrais, deseños orixinais de marionetas, escenografías e figurinos, carteis, fotografías, vídeos dos espectáculos e máis de 30 instalacións de escenas completas de obras teatrais, entre outros.

Segundo recolle a pregunta que levará o BNG ao vindeiro Pleno, isto representa un legado que cómpre dar a coñecer, tanto para público especializado como para os propios habitantes da cidade, crianzas e visitantes a Compostela. De expoñerse, será un atractivo máis para a diversificación da oferta turística e cultural.

O BNG pregúntalle ao alcalde pola musealización do legado de Monicreques Kukas