RESIDUOS

O BNG preguntará no Pleno pola falta de persoal do servizo de recollida de residuos

BNG
BNG
Segundo datos do comité de empresa, hai 17 persoas menos das que corresponden na quenda de mañá porque a empresa non suple as vacacións nin as baixas laborais
O BNG preguntará no Pleno pola falta de persoal do servizo de recollida de residuos

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020.- O grupo municipal do BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para coñecer se o Goberno local ten previsto reclamarlle a Urbaser que cubra o persoal que lle corresponde de acordo co prego de condicións do contrato, posto que non está a suplir as vacacións nin as baixas laborais, o que representa un incumprimento na prestación deste servizo público.

Segundo información achegada polo comité de empresa de Urbaser Santiago, na actualidade, a quenda de horario de mañá está a ser atendida por 17 persoas menos das que corresponden, o que supón unha importante perda de recursos e unha carga de traballo adicional que provoca a obriga de estender o tempo de traballo fóra do horario previsto. Isto débese a que a empresa non suple o persoal que se encontra en período de vacacións ou de baixa laboral.

Cuestionan tamén a modificación das funcións dos servizos encomendados ao persoal e o incumprimento do convenio no artigo 13, relativo a licenzas e permisos para atender necesidades persoais excepcionais de índole familiar, social, estudos, asistencia sanitaria ou hospitalización, entre outras.

Esta situación pode agravarse coa chegada da tempada de verán, onde hai maior volume de traballo, ao non contar co persoal que lle corresponde para a realización das funcións segundo o cadro de persoal.

Deste xeito, o BNG preguntaralle ao Goberno local no vindeiro Pleno se ten previsto requirirlle a Urbaser que realice os informes que solicita o comité de empresa sobre a situación do cadro de persoal no relativo a vacacións e incapacidade temporal e reclamarlle que cumpra coa contratación de efectivos que lle corresponde segundo a concesión deste servizo e o convenio colectivo.

Para o BNG é fundamental a creación dun servizo de control e inspección de empresas concesionarias co obxectivo de velar polo cumprimento dos contratos para o bo funcionamento dos servizos públicos e o respecto das condicións laborais do persoal.

 

O BNG preguntará no Pleno pola falta de persoal do servizo de recollida de residuos