DITADURA

O BNG realiza unha acción simbólica no Obradoiro para reivindicar as esculturas do Mestre Mateo espoliadas pola familia Franco

FR 019
Acción simbólica

Prosegue a campaña para reclamar, difundir e concienciar sobre o patrimonio usurpado durante a ditadura
 

O BNG realiza unha acción simbólica no Obradoiro para reivindicar as esculturas do Mestre Mateo espoliadas pola familia Franco

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2017.- O Bloque Nacionalista Galego realizou unha acción simbólica na Catedral de Santiago para reivindicar a devolución das esculturas do Mestre Mateo que levou a familia Franco. Diante dunha faixa co lema “Que nos devolvan o roubado, Franquismo Nunca Máis”, o portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, e a portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, repasaron “as accións realizadas para reclamar, difundir e concienciar sobre o que supuxo o espolio da familia Franco ao patrimonio de todos os galegos e galegas durante a ditadura” de cara a súa restitución.

“O BNG entendeu que había que combater este espolio dende todas as frontes posíbeis: xudicial, institucional e de concienciación social”, sinalou Rubén Cela. A nivel institucional, presentou iniciativas nos concellos, Parlamento de Galiza e Parlamento europeo. A nivel de concienciación social, o BNG vén de editar un libro monográfico sobre o pazo de Meirás e de organizar unhas xornadas en Bruxelas coincidindo co aniversario da morte do ditador e “son fundamentais as accións simbólicas como as desenvolvidas no pazo de Meirás, na Casa de Cornide na Coruña ou hoxe na Catedral de Santiago para reivindicar, mais unha vez, a devolución das estatuas do Mestre Mateo que formaban parte do Pórtico da Gloria”.

“Aledámonos moitísimo que, dunha vez, o Concello de Santiago recorrese á vía xudicial, como fixo o BNG en termos de denuncia do uso da fundación Francisco Franco das visitas guiadas, pero mentres non se soluciona no ámbito xudicial imos seguir reivindicando na rúa que as estatuas de Isaac e Abraham volvan ao Concello de Santiago para o goce da veciñanza e do conxunto do pobo galego”, explicou.

Pola súa parte, Ana Miranda referiuse ás xornadas celebradas en Bruxelas onde se falou das esculturas de Abraham e Isaac, aos ataques á liberdade de expresión en medios de comunicación e presos políticos, entre outros. “Non hai verdadeira democracia mentres non haxa unha limpeza de toda a impunidade do franquismo, co consentimento do Partido Popular que ampara unha fundación fascista como é a de Francisco Franco”, explicou.

“No BNG sumámonos ás 220.000 sinaturas que onte foron presentadas en Madrid que reclaman a ilegalización desta fundación e esta mesma semana presentamos na Comisión de Peticións que a UE faga o posíbel para condenar a Fundación Francisco Franco que fai apoloxía do fascismo, é un burato negro na democracia española e galega”, afirmou.

O BNG realiza unha acción simbólica no Obradoiro para reivindicar as esculturas do Mestre Mateo espoliadas pola familia Franco