TRÁFICO

O BNG require un cambio de tráfico para eliminar a prohibición de paso de motos no túnel do Hórreo

sinal
sinal

Colectivos de motociclistas non entenden que se restrinxa o paso cando é unha vía urbana de dous carrís por sentido, con iluminación e velocidade limitada a 50 km/h

O BNG require un cambio de tráfico para eliminar a prohibición de paso de motos no túnel do Hórreo

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2016.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para que se permita o paso de motocicletas no túnel do Hórreo, xa que conta cun sinal que prohibe a súa circulación.

A sinalización de acceso ao túnel do Hórreo advirte da prohibición de paso a peóns, motocicletas, ciclomotores -no que se debe entender tamén a restrición ás bicicletas- e vehículos agrícolas. En troques, non aparece a limitación a medios de tracción animal como cabalos, burros e vacas, con ou sen carro.

Colectivos de motociclistas non entenden que neste túnel exista esta prohibición de paso para motocicletas -que son aquelas que inclúen cilindrada igual ou superior a 125 c.c. e comparten matrículas de turismo- posto que é unha vía urbana con dous carrís en cada sentido que van nun túnel independente, dispón de iluminación e hai unha limitación de velocidade a 50 km/h vixiada por rádar. Este tipo de prohibición para motocicletas nin tan sequera existe en vías rápidas, autovías nin autoestradas.

Deste xeito, o BNG presenta unha iniciativa para que o Concello de Santiago realice as xestións pertinentes para permitir o paso de motocicletas no túnel do Hórreo, ademais de adecuar estes sinais.

 

O BNG require un cambio de tráfico para eliminar a prohibición de paso de motos no túnel do Hórreo