CONGRESO

O BNG rexistra unha pregunta no Congreso pola redución do persoal de limpeza no aeroporto Rosalía de Castro en plena crise sanitaria

Aeroporto Rosalía de Castro
Aeroporto Rosalía de Castro
A concesionaria de AENA deixou só tres persoas para a desinfección diaria das instalacións, en vez de reforzar o servizo para evitar a propagación do virus
O BNG rexistra unha pregunta no Congreso pola redución do persoal de limpeza no aeroporto Rosalía de Castro en plena crise sanitaria

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2020.- O BNG presentou unha pregunta no Congreso ante a redución do persoal de limpeza e posterior ERTE neste servizo do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela durante a crise sanitaria derivada da pandemia do coronavirus, cando cómpre intensificar as medidas de hixiene nos espazos públicos.

Nas instalacións do aeroporto compostelán, dependente de AENA, procedeuse a reducir o número de persoas encargadas da súa limpeza, “cuestión incomprensíbel en plena crise sanitaria na que o mantemento da hixiene nas dependencias é máis importante que nunca para evitar o contaxio entre persoas”, recolle o texto da iniciativa do BNG presentada polo deputado Néstor Rego. A redución do número de pasaxeiros e pasaxeiras non pode servir de escusa para reducir o persoal deste servizo que debe atender á limpeza das mesmas superficies destas instalacións que antes da pandemia.

O servizo de limpeza contrátase a través dun expediente cunha empresa concesionaria e ante a redución por parte de AENA do expediente nun 70%, recortou o persoal de limpadoras das 21 que había ao comezo da crise ás catro actuais (tres en quenda e unha máis que cobre os descansos). “É dicir, está a pedirse a un grupo de tres persoas que manteña a limpeza de todo o aeroporto e instalacións anexas en circunstancias de especial alerta sanitaria e necesidade de desinfección”, expón a iniciativa.

Durante o período en que se paralizou toda a actividade non esencial, a empresa comunicoulles ás traballadoras que se ía facer uso do permiso retribuído recuperábel. Pero chegado o día 9, momento en que debían reincorporarse, anunciouse a solicitude dun ERTE pola concesionaria. As organizacións sindicais con presenza no aeroporto xa manifestaron a súa posición contraria á aplicación deste ERTE argumentado en razóns de carácter organizativas e de produción, pois non se xustifica tal medida.

Dada a situación actual de crise sanitaria, o adecuado sería que se procedese a un aumento da periodicidade e a unha maior intensidade nos labores de limpeza, con especial énfase nas áreas onde realizan o seu traballo diario os empregados e empregadas de AENA e ENAIRE (que non se viron reducidos). Deste xeito, estanse a incumprir as directrices marcadas polos ministerios de Sanidade e de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que incidían “na intensidade e cantidade das desinfeccións e limpezas nos lugares de traballo”. Ademais, esta necesidade de hixiene e limpeza debera ser moito maior nas instalacións en canto se detectaron na rede de aeroportos de AENA casos de covid-19.

O BNG rexistra unha pregunta no Congreso pola redución do persoal de limpeza no aeroporto Rosalía de Castro en plena crise sanitaria