Imprimir

O BNG de Santiago trasladará ao Pleno as reivindicacións da plataforma SOS Sanidade Pública

BNG de Santiago | 14 de xaneiro de 2020

SOS Sanidade Pública
SOS Sanidade Pública

Anima a participar na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o domingo 9 de febreiro

Reclama máis orzamentos e persoal para sanidade co fin de reducir as listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada


Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2020.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha moción para mellorar a sanidade pública e esixir da Xunta a dotación de orzamentos e persoal necesario nos centros de saúde. Ademais, anima a participar na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o domingo 9 de febreiro con saída ás 12:00 horas da alameda de Santiago de Compostela.

Na moción que traslada o BNG, de acordo coa Plataforma SOS Sanidade Pública, atribúese esta precaria situación á política sanitaria da Xunta de Galicia, cos recortes de recursos, desmantelamento de hospitais comarcais, abandono dos Centros de Atención Primaria, ocultación e manipulación das listas de espera, precarización e explotación do persoal e privatización de servizos.

As protestas dos Centros de Saúde, o levantamento da poboación de Verín contra o peche da sala de partos do seu hospital e as protestas de nais e pais contra a falta de pediatras son algunhas das manifestacións do malestar cidadán fronte a esta crise sanitaria, expón o texto da iniciativa.

“Cremos que estamos ante un momento importante para a nosa cidade, en que a Corporación municipal como representantes do conxunto da cidadanía, indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, deberiamos traballar conxuntamente para que en Santiago de Compostela se poida dispor duns servizos sanitarios públicos de calidade”, destaca a moción.

“Non se pode nin se debe admitir a deterioración do noso sistema polos recortes e privatizacións do Sistema Sanitario Público”, advirte, “e os municipios da Área de Saúde de Santiago de Compostela necesitan uns servizos públicos de sanidade acordes co desenvolvemento social, cultural e democrático dos tempos actuais”.

Deste xeito reclámase esixir o cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais da área sanitaria de Compostela; revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade; reducir as listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos, ademais de publicar as listas de espera ocultas e acabar coa súa manipulación; paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da área sanitaria, actualmente moi insuficientes; acabar coa política de privatizacións de recursos e de derivar pacientes as clínicas privadas de xeito innecesario; e acabar coa política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade e na explotación laboral.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-santiago-trasladara-ao-pleno-reivindicacions-da-plataforma-sos-sanidade-publica/20200114105358002781.html


© 2020 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Rúa do Home Santo, 54 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981554167
Correo: compostela@bng.gal