Imprimir

O BNG solicita unha xunta de portavoces urxente para obter información da situación do proxecto da estación depuradora

bngsantiago | 21 de Decembro de 2018

Considera que este mandato de Compostela Aberta foi un tempo perdido cando cumpría axilizar os procedementos para esta nova infraestrutura que, segundo a Xunta, se atrasará até 2025

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018.- O grupo municipal do BNG solicítalle ao alcalde a convocatoria dunha xunta de portavoces urxente antes de final de ano, a teor das últimas informacións coñecidas, para que informe da situación actual do proxecto da estación depuradora de augas residuais na Silvouta, ante a posibilidade de perder os fondos europeos esgrimida pola Xunta.

Neste sentido, o BNG reclámalle transparencia ao grupo de Goberno de Compostela Aberta neste proxecto de vital importancia para reducir a contaminación no río Sar, co obxectivo de que expoña os datos sobre os prazos, procedemento e termos do convenio que ten previsto asinar coas outras administracións. Demanda tamén concretar se as previsións de licitar o proxecto en 2020 e do inicio das obras en 2022, marcadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, non poñen en risco o financiamento europeo que estabelece un prazo máximo de execución das obras en 2023, ademais de esclarecer o contido do “Informe de planificación básica da actuación saneamento de Santiago, nova EDAR da Silvouta”, redactado por Acuaes.

O BNG atribúe o risco de dispor dos fondos europeos á demora de Compostela Aberta, que tardou dous anos en cambiar o emprazamento da depuradora á Silvouta, como sempre defendeu o BNG. Así, considera que este mandato foi un tempo perdido cando cumpría axilizar os procedementos para facer en prazo esta nova infraestrutura que, segundo a Xunta, se atrasará cando menos até 2025.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-solicita-xunta-portavoces-urxente-obter-informacion-da-situacion-do-proxecto-da-estacion-depuradora/20181221132250002323.html


© 2019 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Rúa do Home Santo, 54 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981554167
Correo: compostela@bng.gal