ORZAMENTOS

Rubén Cela: “Canto mellor lle vaia ao BNG na negociación dos Orzamentos, mellor lle irá á cidade”

rubencela
rubencela

“O documento de partida ten mellorado substancialmente pero consideramos que aínda é insuficiente", explicou

Rubén Cela: “Canto mellor lle vaia ao BNG na negociación dos Orzamentos, mellor lle irá á cidade”

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, explicou os avances producidos nas reunións dos Orzamentos para 2017 e subliñou que “canto mellor lle vaia ao BNG nesa negociación, mellor que irá á cidade” porque conseguirá incluír máis proxectos demandados polo asociacionismo.

Na primeira fase incluíronse propostas do BNG como a construción dun aparcadoiro público na contorna do Conservatorio Profesional de Música, a creación dun plan director plurianual para acometer obras nos centros educativos, dúas experiencias piloto en materia de conciliación da vida familiar e laboral con actividades extraescolares e un plan de seguridade viaria nos centros de ensino, as obras de mellora e conservación do Campus Sur, as obras de Triacastela, a realización dun skatepark, un plan de emprego xuvenil cunha dotación de 350.000 euros e a reforma da Casa das Máquinas de Galeras.

Nunha segunda fase da negociación, incorpora sete propostas máis do BNG como o aparcadoiro de xestión pública para a zona do Ensanche, a reordenación e coidado do parque urbano das Hortas, a continuidade do Plan Especial de Brañas do Sar, un estudo para buscar unha nova localización para a Escola Municipal de Música, un proxecto para a creación dunhas novas pistas de squash, a ampliación dos paneis de comunicación social no centro urbano e o arranxo do espazo onde se celebrou o Banquete de Conxo.

“Con todo, e recoñecendo que hai unha parte importante de propostas do BNG incorporadas, seguen faltando propostas como a cuberta da piscina de Sar, a reurbanización de Concheiros, o viveiro de empresas na zona histórica de Santiago, a dotación dun servizo de inspección municipal das subcontratas, a planta de compostaxe, o arranxo do antigo Ramón Cabanillas e cuestións vinculadas á RPT”, explicou.

“As negociacións van na boa dirección e o documento de partida ten mellorado substancialmente pero tamén consideramos que aínda é insuficiente e, polo tanto, non dariamos un voto positivo a estes Orzamentos porque hai marxe para seguir incluíndo propostas para o beneficio da cidade e imos seguir con esa predisposición”, indicou.

Rubén Cela cualificou de “discreta, clara e transparente” a negociación dos Orzamentos para 2017, ademais de seren “propostas razoábeis, están razoadas e todas elas foron respaldadas por acordos plenarios ou son peticións do asociacionismo de Santiago de Compostela, das que o BNG actúa como altofalante”.

Rubén Cela: “Canto mellor lle vaia ao BNG na negociación dos Orzamentos, mellor lle irá á cidade”