DEPURADORA

Goretti Sanmartín advirte que non está clara a porcentaxe de financiamento de cada administración para a depuradora

Reclama maior transparencia e a convocatoria da xunta de portavoces

Goretti Sanmartín advirte que non está clara a porcentaxe de financiamento de cada administración para a depuradora

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, advertiu sobre o anuncio de Acuaes sobre a nova depuradora que “para ter avances e garantías, deberiamos ter esa xunta de portavoces extraordinaria que o BNG reclamou para saber en que termos se estabelece o convenio, porque a proposta agora é facer é un procedemento dialogado para ter un proxecto previo”.

Así, cuestiona que “non queda clara cal vai ser a porcentaxe de financiamento de cada unha das administracións” nin se o Goberno do Estado se compromete por escrito “a pór os fondos necesarios aínda que se perdan os fondos europeos” pola demora na execución e posta en marcha da obra da estación depuradora de augas residuais.

“O BNG considera que hai moitas interrogantes aínda e ademais non comprendemos que se inicie o procedemento sen ter o convenio asinado”, afirmou. Advertiu tamén de que hai un compromiso por parte do alcalde nun Pleno “de que en canto fosen avanzando as negociacións convocaría unha xunta de portavoces extraordinaria para dar conta, pois dicía que estaba en xogo a súa credibilidade”.

“Os prazos non dan para que se faga antes de 2023”, explicou, cando é requirimento europeo para que os fondos comunitarios non se perdan. Deste xeito, reclama maior transparencia e que se informe a portavoces municipais “dos termos en que se elabora este proxecto e este convenio, do que non temos información nin documentación a este respecto” cando a estación depuradora é un asunto de cidade, advertiu.

 

Goretti Sanmartín advirte que non está clara a porcentaxe de financiamento de cada administración para a depuradora