PLENO

Goretti Sanmartín: “O Concello debe mover ficha para favorecer a igualdade das vivendas e familias monoparentais”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
A batería de medidas que propón o BNG inclúe bonificacións económicas, descontos e puntuación nos baremos para facilitar a conciliación
Goretti Sanmartín: “O Concello debe mover ficha para favorecer a igualdade das vivendas e familias monoparentais”

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón que o Concello de Santiago de Compostela aplique, de xeito progresivo, medidas para contribuír a recoñecer e normalizar a situación dos fogares e familias monoparentais para favorecer as condicións de igualdade no ámbito económico e educativo. “O Concello debe mover ficha para favorecer a igualdade das vivendas e familias monoparentais”, afirmou.

“O BNG xa leva un tempo, tanto a nivel local como nacional, con propostas contra a discriminación histórica dos fogares e familias monoparentais por elección”, sinalou. “Entendemos que hai que traballar desde o punto de vista da educación e da sensibilización para superar prexuízos, estereotipos e para que haxa concepcións amplas de familia desde unha perspectiva de diversidade”, engadiu. Moitas destas situacións de monoparentalidade convértense “nun colectivo fráxil, débil e desfavorecido que cómpre apoiar”, posto que case oito de cada 10 fogares monoparentais están liderados por mulleres e hai máis de 100.000 fogares monoparentais (10% das vivendas galegas). No informe publicado pola Rede Galega contra a Pobreza situaba no 47% os fogares monoparentais que están en risco de pobreza, o que significa un de cada dous con esta característica.

Fronte ao “paternalismo e caridade” que practican outras forzas, as administracións deben facer acompañamento ás familias e por iso o BNG xa trasladou ao Parlamento galego en 2018 unha Proposición de Lei que finalmente foi rexeitada cos votos en contra do PP e que supoñía “un avance importante para as familias monoparentais, tanto para o seu recoñecemento como para distintas axudas e bonificacións”.

Deste xeito, a portavoz municipal do BNG presentou en rolda de prensa as propostas que inclúe a iniciativa que defenderá no vindeiro Pleno para aplicar no ámbito municipal. A batería de medidas que propón o BNG inclúe “bonificacións económicas, descontos e puntuación nos baremos que favorezan e apoien estas familias”. Referiuse así a descontos en teatros, museos e actividades musicais, tamén na matrícula da Escola Municipal de Música; na preferencia de escoller quendas de traballo laborais no Concello, nas empresas concesionarias e nas actividades de verán e de conciliación cando só hai un membro adulto da familia para facerse cargo do/a menor. Recolle ademais modificacións legais que se requiren para aplicar bonificacións no IBI e no imposto de vehículos, “que implican cambiar a Lei de Facendas locais para que inclúan nos colectivos beneficiarios as familias monoparentais”, explicou Goretti Sanmartín.

Van encamiñadas tamén ao recoñecemento á diversidade dos distintos modelos de familias existentes para aproveitar que no 15 de maio, Día da Familia, se poidan facer actividades públicas nese sentido; e para que nas bibliotecas existan libros e contos con esta temática, entre outros.

Goretti Sanmartín: “O Concello debe mover ficha para favorecer a igualdade das vivendas e familias monoparentais”