TURISMO

Goretti Sanmartín considera necesario incrementar mecanismos de participación social e propón un referendo sobre a taxa turística

“Unha parte dos fondos da taxa turística podería destinarse a limpeza, protección do patrimonio e animación cultural para dar a coñecer a historia de Santiago e outra parte á redución do recibo do lixo e da auga da veciñanza”, propón

Goretti Sanmartín considera necesario incrementar mecanismos de participación social e propón un referendo sobre a taxa turística

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2019.- Goretti Sanmartín estima necesario incrementar instrumentos de colaboración social na toma de decisións estratéxicas para a cidade, “con fórmulas para estimular a participación pública para conseguir que a política sexa concibida como arte colectiva de procurar o ben social”. Deste xeito, propón a fórmula dun referendo sobre a taxa turística, en colaboración co sector turístico e co asociacionismo, cun resultado vinculante para a Xunta, que ten as competencias na materia.

En rolda de prensa, trasladou as queixas de asociacións veciñais e colectivos pola falta de mecanismos de participación cidadá por parte do Goberno municipal de Compostela Aberta,”posto que non se puxeron en marcha e se deixaron sen constituír moitos dos Consellos de Participación Cidadá, pese ás reclamacións reiteradas de parte de sectores para que se activasen”.

“A xente nova ve unha decepción polo feito de ir votar cada catro anos, como un cheque en branco, e que logo non se traduza nunha participación constante na relación, na toma de decisións nin no diálogo fluído co conxunto do tecido social, asociativo e veciñal, cultural”, indicou.

Alén diso, cómpre mudar e permitir que se poida falar nos plenos cunha quenda de participación veciñal independentemente dos asuntos que vaian á sesión ligados a iniciativas de cada grupo político.

Tamén debe de haber consultas á poboación para aquelas actuacións estratéxicas para a cidade, “con fórmulas de participación masiva para estimular a participación pública para conseguir que a política sexa concibida como arte colectiva de procurar o ben social”. Para iso, Goretti Sanmartín considera que “debería de abordarse unha consulta popular sobre as posibilidades de aplicar a taxa turística, ligada aos beneficios para a veciñanza”.

“O importante é que non sexa unha taxa turística para recadar, senón que poida aplicarse en diálogo co sector e coa veciñanza co obxectivo de decidir en qué vai reverter”, explicou. “É bo que haxa turismo mais iso implica destinar recursos en servizos públicos, cando esa taxa turística pode ir destinada a incrementar a limpeza, protexer o patrimonio, realizar programas de ornamentación, de mellora e mesmo de animación cultural das rúas con actividades que dean a coñecer a historia de Santiago de Compostela a visitantes e veciñanza, ao tempo que axude a descentralizar o turismo”, sinalou. “Unha parte dos fondos da taxa turística mesmo poderían destinarse á redución do recibo do lixo e da auga da veciñanza”, engadiu.

Esta podería ser unha medida para contribuír a reducir os servizos públicos nunha cidade que pode roldar os 1,5 millóns de pernoctacións anuais (1,4 millóns en 2017 e 1,3 millóns en 2018) e “onde temos que conseguir que se incremente ese número”, explicou, “a posibilidade de instaurar unha taxa turística pode servir para lanzar unha mensaxe de sensibilización do concello que queremos, que o patrimonio sexa visto como algo que hai que coidar e protexer”.

Para facer unha proposta deste tipo hai que ter un estudo pormenorizado do método e aplicación, que non sexa só cuantitativo, senón que teña en conta as asociacións de hostalaría e asociacións veciñais para ver en que termos se quere realizar.

Ademais, o BNG considera que a Xunta debe aplicar o resultado dese referéndum ou consulta popular, pois nun ámbito en que as competencias son do Goberno galego o lóxico sería que fose condicionado polo resultado desa iniciativa para conseguir que se poida retroalimentar o sector con partidas destinadas á promoción, mantemento e protección de bens turísticos, ademais das infraestruturas necesarias do sector.

Ademais, puxo como exemplos outras cidades que instauraron a taxa turística, como Porto e Barcelona, onde contribuíu a manter os espazos públicos, limpeza urbana, merllor sinaléctica e animación nas rúas, ademais de incrementar o número de pernoctacións e a suba de visitantes. 

Goretti Sanmartín considera necesario incrementar mecanismos de participación social e propón un referendo sobre a taxa turística