PLENO

Goretti Sanmartín defenderá no Pleno abrir ao público espazos emblemáticos rehabilitados polo Consorcio

_19I9671c
Goretti Sanmartín Rei

Propón destinar a centro sociocultural algún edificio histórico infrautilizado da zona vella que conte con axudas públicas para a rehabilitación

Goretti Sanmartín defenderá no Pleno abrir ao público espazos emblemáticos rehabilitados polo Consorcio

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2018.- A concelleira Goretti Sanmartín Rei presentou unha proposición que defenderá no Pleno, “na liña iniciada polo BNG de recuperar espazos e poñer en valor edificios emblemáticos de Santiago de Compostela que moitas veces están pechados e non poden ser visitados, para facilitar que se poidan abrir ao público e explorar novos usos nos que estean infrautilizados”.

Segundo explicou en rolda de prensa, “tería lóxica que se condicionasen as axudas públicas que reciben a que teñan horarios de apertura para que a poboación poida gozar delas e coñecelas”. Puxo como exemplos “a Colexiata de Sar, San Miguel dos Agros e Santa Clara, entre outros, que foron rehabilitados con fondos do Consorcio de Santiago, con diñeiro público, e deben ser abertos”.

Lembrou que con anterioridade outras forzas políticas presentaron iniciativas para negociar con outras administracións a posibilidade de apertura de espazos pechados. En setembro de 2015 xa o PP reclamara en Pleno unha proposta nesta liña, “mais entendemos que hai que dar un paso máis para que os edificios rehabilitados polo Consorcio teñan un condicionamento das axudas para ter un horario de apertura público e poidan estar ao servizo das persoas que habitan en Santiago de Compostela e para visitantes”. “Un paso máis alá é que algún deses espazos da zona vella se destine a centro sociocultural, porque moitas asociacións teñen esa necesidade e hai edificios infrautilizados que poden rehabilitarse con cargo a axudas do Consorcio”.

Puxo como exemplo tamén que “un deses espazos podería destinarse a albergar persoas sen teito, en vez de usar o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) que xa tiña un funcionamento e estaba habilitado para ese fin”.

A recuperación destas edificacións, monumentos e xardíns emblemáticos debe ir paralela á reutilización destes espazos públicos co fin de tirar rendemento social ao investimento económico realizado, ademais de incrementar o coñecemento e a relación social no propio núcleo histórico e inmóbeis eclesiásticos que se valeron destas axudas públicas para a súa rexeneración, recolle o texto da iniciativa.

Despois da recuperación material e da rehabilitación física destes monumentos e edificios históricos débese proceder á rexeneración social, utilización e difusión dos mesmos, incluso coa asignación de novos usos administrativos, sanitarios, culturais e docentes, entre outros, en inmobles que estean infrautilizados para a realización de actividades sociais nestes espazos que gozaron de axudas públicas.

 

 

Goretti Sanmartín defenderá no Pleno abrir ao público espazos emblemáticos rehabilitados polo Consorcio