Imprimir

Goretti Sanmartín empraza o alcalde a convocar a xunta de portavoces para informar do convenio sobre a depuradora

bngsantiago | 13 de Marzo de 2019

"Este tema non se pode tratar de maneira particular”, advirte a portavoz municipal do BNG

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, sobre o anunciou do convenio para o procedemento de diálogo competitivo destinado á construción da estación depuradora da Silvouta, destacou que se trata “dun asunto de cidade prioritario” do que o alcalde non informou os grupos municipais como se comprometera.

O 21 de decembro de 2018 o BNG rexistrou a solicitude dunha convocatoria urxente da xunta de portavoces para coñecer a situación do proxecto da estación depuradora de augas, “a respecto dos fondos europeos, do compromiso do Estado para asumir o que lle corresponde e coñecer a folla de ruta para a sinatura do convenio”.

“Este tema non se pode tratar de maneira particular”, advertiu, “aínda que as competencias recaian na Xunta de Goberno, o lóxico é informar o conxunto dos grupos municipais e a veciñanza, pois se fracasan esas negociacións van ser composteláns e compostelás quen teñan que asumir o custe da depuradora do seu peto e ese é un escenario que queremos evitar”.

Despois desta petición de xunta de portavoces, que aínda non foi atendida, e interpelado o alcalde no Pleno pola súa falta de credibilidade “comunicou que habería todo máis no mes de febreiro esta xunta de portavoces mais estamos a mediados de marzo e aínda non o fixo”, cando se aprecian movementos para asinar un convenio do que non informa ao conxunto da Corporación. “No BNG precisamos saber cal é a folla de ruta, os prazos e os compromisos das distintas administracións a este respecto”, explicou Goretti Sanmartín.

“Se quere recuperar a credibilidade perdida, Martiño Noriega debe convocar esta xunta de portavoces urxente para tratar de maneira monográfica esta cuestión e explicármonos cal é folla de ruta para construír a depuradora en tempo e forma para non perder eses fondos europeos”, sinalou a portavoz municipal do BNG.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goretti-sanmartin-empraza-alcalde-convocar-xunta-portavoces-informar-do-convenio-depuradora/20190313142523002440.html


© 2019 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Rúa do Home Santo, 54 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981554167
Correo: compostela@bng.gal