Goretti Sanmartín: “Feijóo e Bugallo ignoran os problemas reais de Santiago de Compostela”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
“Agardamos que os acordos entre Xunta e Concello se concreten no papel con partidas orzamentarias e prazos”, advirte
Goretti Sanmartín: “Feijóo e Bugallo ignoran os problemas reais de Santiago de Compostela”

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, manifestou logo da reunión entre o alcalde de Santiago e o presidente da Xunta a falta de compromiso para reclamar a construción da nova Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio, as obras de abastecemento e saneamento do rural, a construción de vivenda pública e o desenvolvemento industrial. “Feijóo e Bugallo ignoran os problemas reais de Santiago”, advertiu.

Goretti Sanmartín reclama tamén que se esclareza se os fondos europeos para a reconstrución da pandemia, aos que se pretenden adscribir os recursos necesarios para construír a nova estación depuradora, van ter que ser devoltos ou son a fondo perdido, “porque o BNG non quere que isto se poida repercutir no incremento do recibo da auga da veciñanza de Compostela”.

Referiuse a algunhas e insuficientes medidas paliativas derivadas dos recortes que aplicou Feijóo durante 12 anos nos servizos públicos de ensino, servizos sociais e sanidade, que agora ten que subsanar de urxencia. “Agardamos que os acordos se concreten no papel con partidas orzamentarias e prazos”, sinalou.

Ademais botou en falta a posta en marcha da construción da nova Escola Oficial de Idiomas; a ampliación do Conservatorio, que xa deberan estar resoltas e agora se fan tan necesarias para gañar espazo neste tempo de pandemia; a posta en marcha do Pacto pola Reindustrialización; as obras de abastecemento e saneamento para o rural; o apoio á construción de vivenda pública e novas escolas infantís e axudas sociais que son tan necesarias ante esta crise económica incipiente, como quedou patente durante o período de confinamento ao aflorar os problemas derivados da economía somerxida ligada ao turismo, fundamentalmente.

“O BNG demanda transparencia do grupo de Goberno local que presentou un proxecto a outras administracións, como é o Plan de Sustentabilidade Turística, cando o temos solicitado e non se nos facilitou”, indicou. “O debate sobre o modelo de turismo e os camiños que debemos percorrer nun momento de crise deste sector e de cuestións que poden ter continuidade durante bastante tempo deberan ser obxecto de tratamento do conxunto da Corporación para atinar na solución máis acaída”, engadiu.

“A piques de entrar nunha fase en que se elaborará o proxecto de Orzamentos para o 2021, o alcalde de Santiago perdeu a oportunidade de reclamar de maneira contundente a cantidade que lle corresponde ao noso concello pola capitalidade. “Lembremos que un estudo de hai anos cifraba en 5,5 millóns de euros esta cantidade e que a achega da Xunta de Galiza non chega ao 50% do que debera sufragar”, concluíu a portavoz municipal.

Goretti Sanmartín: “Feijóo e Bugallo ignoran os problemas reais de Santiago de Compostela”