ENSINO

Goretti Sanmartín insta o alcalde a estudar a posibilidade de remunicipalizar a Escola de Música

Lembra que o PSOE votou a favor desta proposta en maio 2018 e terá que explicar este cambio de posición sen facer un estudo previo
Goretti Sanmartín insta o alcalde a estudar a posibilidade de remunicipalizar a Escola de Música

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín insta o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a estudar a posibilidade de remunicipalizar a Escola de Música e lembrou que o BNG promoveu un acordo plenario, aprobado cos votos de nacionalistas e socialistas, para recuperar a súa xestión directa. “A Escola de Música está nunhas condicións ideais para a súa remunicipalización porque tanto o espazo, o edificio como o material son públicos e pertencen ao Concello; o único que habería que asumir é a masa salarial do contrato”, explicou en rolda de prensa.

“Despois desa maneira trapalleira de Compostela Aberta que vai provocar que haxa que pagar unha indemnización á empresa” que obtivo máxima puntuación no concurso, “propuxemos no Pleno de maio de 2018 que se iniciasen os procedementos para asumir a xestión directa da Escola Municipal de Música”. Votaron a favor daquel acordo o BNG e o PSOE, quen dixo que era unha das formas máis lóxicas para saír daquela situación caótica e esperpéntica, mentres que CA e PP se abstiveron.

A Escola de Música leva desde novembro de 2017 sen contrato, cun servizo prestado de xeito irregular. “O alcalde non pode desbotar sen máis este procedemento da remunicipalización e pedímoslle que faga un estudo para darlle continuidade a este proxecto educativo”, explicou Goretti Sanmartín, ao tempo que cuestionou que non consultase a comunidade educativa da Escola Municipal de Música antes de anunciar un novo proceso de concurso para a contratación deste servizo. “Nun asunto tan sensíbel coma este, o importante é o proxecto educativo e non facer depender todo da oferta económica”, advertiu.

 

 

Goretti Sanmartín insta o alcalde a estudar a posibilidade de remunicipalizar a Escola de Música