ENSINO

Goretti Sanmartín insta a publicar coa máxima urxencia a contratación dos comedores para o vindeiro curso escolar

Goretti Sanmartín e Esther Martínez
Goretti Sanmartín e Esther Martínez

Reclama que os pregos recollan as propostas da Confederación de ANPA galegas que non se incluíron neste mandato para mellorar o servizo

Goretti Sanmartín insta a publicar coa máxima urxencia a contratación dos comedores para o vindeiro curso escolar

Propón a creación de escolas de educación infantil e primaria en Santa Marta

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2019.- Goretti Sanmartín trasladou a preocupación do BNG e da comunidade educativa por non presentarse aínda a licitación dos comedores escolares para o vindeiro curso. Presentou, ademais, a proposta de construír novas escolas de educación infantil e primaria no barrio de Santa Marta, unha zona en expansión.

Segundo explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, “xa levamos a necesidade de licitar os comedores a Pleno porque é necesario facelo con antelación e non se pode agardar a un proceso electoral para iniciar a tramitación dun procedemento que chega a perto dun millón de euros para ter todo preparado en setembro”. Deste xeito, instou a que se publique “coa máxima urxencia” porque, do contrario, non van chegar a tempo e haberá problemas de novo cos comedores escolares.

Expresou o apoio claro a que estes pregos de comedores escolares “recollan as propostas da Confederación de ANPA galegas que non se incluíron neste mandato de Compostela Aberta”. “Está claro que non se dará chegado dun día para outro ao modelo ideal de termos cociñeiros e cociñeiras en todos os colexios, con espazos dotados con medios necesarios e monitorado formado en comedores escolares, mais hai uns mínimos que o Concello debe de cumprir”, sinalou.

Referiuse a un programa piloto nun centro “para levar á práctica ese modelo que queremos”, explicou e, polo menos, garantir que haxa cociña de proximidade cunha distancia inferior de 50 km ao colexio e que a elaboración das comidas se faga durante a mesma mañá en que se van consumir, ademais de ter produtos de proximidade, que pasen os controis nutricionais necesarios e se elimine o mínimo de persoas usuarias, pois é un servizo para favorecer a conciliación e non para tirar rendemento económico.

Este servizo de comedores é competencia da Xunta, mais mentres o concello o xestione de xeito transitorio, debe facelo acorde a estas demandas, destacou.

“Entendemos que é bo que non saia un único contrato grande, como aconteceu cos centros socioculturais, ao que só poidan concorrer as empresas multinacionais,  senón que se fagan polo menos dous lotes na contratación”, sinalou, “que deberan ir separadas por un lado a elaboración e transporte de alimentos e por outro o servizo de monitoraxe, de atención ás persoas usuarias e crianzas con persoal especializado; ademais de lotes por colexios ou grupos de colexios para favorecer a concorrencia de pequenas empresas da comarca”. “Outra reivindicación é que os prezos partan dunha contía mínima, para que non ninguén poida xogar coa calidade da comida que se ofrece neses comedores escolares”, advertiu Goretti Sanmartín.

“Esta é a noticia que moitos pais e nais están a agardar, para que o novo concurso estea en tempo e se inclúan as reivindicacións para ofrecer un servizo de comida de calidade”, sinalou a portavoz municipal do BNG.

Novos centros de educación infantil e primaria para Santa Marta

A nivel educativo, Compostela ten que dar un salto e conseguir máis dotacións para nenos e nenas de 0 a 3 anos porque hai unha escaseza grande desas prazas. O BNG propón, como xa trasladou a Pleno, a construción dunha nova escola infantil en Santa Marta “un barrio en expansión, onde hai moita xente nova e crianzas”.

En concreto, neste barrio hai censadas 1.949 persoas e 80 son crianzas de 0 a 3, que deberían ter un recurso nas súas proximidades. “Queremos que se dea preferencia ás persoas deste barrio e ás familias monoparentais para facilitar a conciliación”, engadiu.

“Ademais desta escola infantil, debe haber un novo centro de primaria en Santa Marta pois os colexios da zona sur como Quiroga Palacios, Pío XII e Ramón Cabanillas están saturados e debe haber unha oferta educativa maior neste barrio, posto que se pode comezar a planificar nas propiedades municipais”, concluíu Goretti Sanmartín. 

Goretti Sanmartín insta a publicar coa máxima urxencia a contratación dos comedores para o vindeiro curso escolar