ECONOMÍA

Goretti Sanmartín: “É necesaria a colaboración entre administracións, asociacións empresariais e Universidade para apostar pola innovación e biotecnoloxía”

Reunión do proxecto da Sionlla
Reunión do proxecto da Sionlla

A portavoz municipal do BNG participou na Mesa institucional da Sionlla

Goretti Sanmartín: “É necesaria a colaboración entre administracións, asociacións empresariais e Universidade para apostar pola innovación e biotecnoloxía”

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, participou na Mesa institucional da Sionlla, na sede da Asociación Empresarial do Polígono do Tambre, onde presentaron o proxecto de polo de Innovación en Biotecnoloxía.

Para o BNG é fundamental un proceso de reindustrialización de Santiago de Compostela, co obxectivo de que poida contribuír a equilibrar a desproporción existente entre o sector servizos e industrial en Santiago de Compostela, pois mentres o primeiro ten 33.547 persoas rexistradas, no segundo hai 2.818, segundo datos do IGE.

“Esta actuación do polo da Innovación, da Biotecnoloxía e da Madeira pode axudar a diversificar a economía local compostelán e ser un referente en Galiza ao contar co desenvolvemento profesional especializado neste ámbito que proporciona a USC en colaboración coas administracións e asociacións empresariais para atraer novos negocios vinculados á produción con materiais do propio país”, destacou.

Deste xeito, Goretti Sanmartín sinalou que este proxecto é unha mostra da necesidade de estabelecer sinerxías de colaboración entre Concello, Xunta, USC e asociacións empresariais, “para o que cómpre reducir as barreiras de carácter administrativo, tanto para a tramitación de altas de novas empresas que queiran asentarse como na dotación de servizos básicos municipais, bonificacións e exencións fiscais”.

Para o desenvolvemento loxístico deste proxecto é necesario tamén mellorar as vías de comunicación deste Polígono da Sionlla, “para o que seguiremos a reclamar unha reestruturación das fases nos Orzamentos do Estado e o cronograma do Orbital, de xeito que se garanta a inmediata execución desta obra fundamental para o desenvolvemento industrial de Santiago de Compostela”.

Goretti Sanmartín: “É necesaria a colaboración entre administracións, asociacións empresariais e Universidade para apostar pola innovación e biotecnoloxía”