COMERCIO

Goretti Sanmartín: “O plan para o comercio realizouse sen consenso co sector e resulta insuficiente”

BNG
BNG
Débese facer unha compensación total do recibo do lixo polo período de peche obrigado dos negocios e destinar 1 millón de euros a rebaixas fiscais, tendo en conta que o Concello dispón dun gran superávit e remanentes por falta de xestión
Goretti Sanmartín: “O plan para o comercio realizouse sen consenso co sector e resulta insuficiente”

O BNG reclama que as axudas á contratación sexan para apoiar o emprego de calidade, con diversificación dos negocios e aposta pola igualdade

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2020.- O BNG considera que o plan de reactivación do comercio é insuficiente non se realizou co consenso que se require en tempos de crise e a maioría das medidas non supoñen novidade ao previsto antes da pandemia do coronavirus. “Parécenos que hai moito fume e que estas axudas só van servir a unha porcentaxe moi pequena da poboación afectada do sector comercial, ademais de perder a oportunidade de facer plans co consenso tanto das forzas políticas como das asociacións de comerciantes”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

“O BNG entregou un documento con propostas contrastadas co sector comercial e hostaleiro que, pola información que dispoñemos, non se tiveron en conta”, advertiu Goretti Sanmartín, “e á espera de ver como se concretan nas ordes que vaian saíndo as medidas parécennos insuficientes e a maioría delas non supoñen ningunha novidade a respecto do previsto no orzamento inicial”.

Para o BNG resulta insuficiente a bonificación do lixo nos termos anunciados polo alcalde, posto que “atendendo ás demandas das asociacións de comerciantes, reclamamos que fose unha compensación total, para pagar 0 euros no tempo que houbo peche obrigatorio”. “A nivel fiscal o Concello podía facer moito máis”, afirmou. Para un concello con superávit e remanentes, e coa imposibilidade de executar todo o inicialmente previsto, non parece de máis dedicar un mínimo dun millón de euros a rebaixas fiscais. “O aprazamento é un parche, o que quere o sector é a compensación polo tempo en que tiveron que pechar comercios e locais de hostalaría”, explicou.

Lembrou tamén que entre outras medidas de carácter social que se podían tomar e beneficiarían o conxunto da poboación está “poñer xa a funcionar o sistema de pagamento fraccionado de impostos á carta, proposto polo BNG e aprobado no Pleno da Corporación”.

Nas axudas a comerciantes non se recolle unha proposta do BNG de carácter transversal para contratar dinamización cultural. “Pensamos que era mellor, por exemplo, retirar 100.000 euros de gasto da Festa da Primavera e usalo nestas axudas para que dous sectores se vexan beneficiados”, explicou. “Hoxe sabemos que o sector cultural vai ser dos últimos en se recuperar e precisamos apoialo desde o primeiro momento, é unha oportunidade perdida non aproveitar estas primeiras medidas para fomentar a contratación de grupos locais en actuacións de pequeno formato”, sinalou.

“Descoñecemos, por outra parte, os informes económicos e técnicos en que se basearon para, por exemplo, cifrar en 100.000 os tickets para os aparcadoiros, unha cantidade que parece excesiva e tamén podía ir en axudas directas ao comercio”, destacou Goretti Sanmartín.

Axudas para a contratación por convenio laboral

Na contratación temporal, o BNG solicitou que fose unha axuda que tivese en conta a diversificación ocupacional, convenios, categoría profesional e factor de xénero e que non se limitase a ofrecer posíbel traballo precario por un tempo de 4 meses. “Entendemos que deben ir ligadas a que o tempo de duración do contrato ten que ser dun ano, como mínimo, sinalou. “Tamén solicitamos que cada empresa só puidese facer 5 contratacións e non 10 para favorecer o maior número de empresas e as máis pequenas e entendemos que o criterio da orde de chegada de solicitudes para a concesión das axudas non é o máis lóxico se queremos que se cumpran unha serie de condicións”, engadiu. Neste sentido, o BNG reclama que as axudas á contratación sexan para apoiar o emprego de calidade, con diversificación dos negocios e aposta pola igualdade.

Cómpre lembrar, a este respecto, que un número moi relevante das persoas que se acolleron ás axudas excepcionais para comprar alimentos e produtos de hixiene que puxo en marcha o Goberno local son mulleres, moitas delas precarias ou traballadoras da economía somerxida.

En canto á proposta de cursos de formación, con gran demanda, non se incluíron outros idiomas para alén do inglés e francés. O BNG solicitou que se aproveitase a oportunidade para realizar cursos de idiomas da nosa contorna con gran cantidade de turistas habituais, como o portugués ou o catalán, e de idiomas de colectividades máis distintas mais de mercados que a medio prazo cómpre recuperar, como o alemán, o italiano ou o chinés.

Non se inclúe desinfección nin provisión de material de protección

Ademais, tampouco se inclúe no plan de reactivación económica axuda para a desinfección e provisión de material de protección, algo que pode solicitarse da Xunta e en que o Concello debe colaborar, igual que se acordou esixirlle ao Goberno do Estado o aprazamento das rebaixas.

Goretti Sanmrtín reclama máis información sobre as cantidades incluídas neste plan, posto que algunhas fan referencia a achegas da Xunta e do Estado “que se descoñece se son firmes e para as que de momento non hai, que saibamos, convenio asinado nin en trámite”. Así, é necesario saber que partidas do orzamento de 2020 van utilizar para que estas axudas e se o Goberno local ten previsto reducir a cantidade consignada para Protocolo, posto que se aforrou neste período, ou renunciar ás dúas dirección de área que incluían no orzamento.

Goretti Sanmartín: “O plan para o comercio realizouse sen consenso co sector e resulta insuficiente”