Goretti Sanmartín: “O Pórtico da Gloria non se pode converter nunha máquina de facer cartos para a Igrexa”

goretti.sanmartin.olalla.rodil
Goretti Sanmartín e Olalla Rodil

De acordo coas cifras que deu a propia Catedral, serían 475 persoas diarias e unha recadación de case 5.000 euros cada xornada, explicou Olalla Rodil

Goretti Sanmartín: “O Pórtico da Gloria non se pode converter nunha máquina de facer cartos para a Igrexa”

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2018.- A portavoz do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, expresou “a preocupación da veciñanza de Compostela que observa como o Pórtico da Gloria se pode converter nunha máquina de facer cartos para a Igrexa católica”.

Perante o anuncio de que van cobrar 10 euros por visitar o Pórtico da Gloria, afirmou que o BNG entende “que ese non é sistema, só faltaría que as administracións públicas que puxeron diñeiro para a restauración da Catedral a través do Consorcio e de distintas entidades non puidesen opinar deste tema”.

Cuestionou tamén que as visitas á Catedral como lugar de culto sexan gratuítas mentres se cobra por visitar os elementos que teñen a ver con cuestións museísticas, de paisaxe ou históricas. “Están gravados os museos, as cubertas, o Panteón Real e o Pórtico da Gloria”, sinalou a portavoz nacionalista.

Resulta “insuficiente” a cantidade disposta para as persoas que habitan en Santiago de Compostela, simplemente dous grupos de 25 persoas os domingos á tarde, “porque farían falta 38 anos para que puidesen visitala de maneira gratuíta e sempre nese caixón horario”, indicou. Neste verán pasaron polo Pórtico 80.000 persoas que suporían, de ser de pago, unha recadación de 800.000 euros, engadiu.

Santiago de Compostela é unha cidade que ten que poñer “moitos recursos e servizos a disposición das persoas que nos visitan” e “o lóxico”, afirmou, “é que cando menos poidamos ter acceso de balde a esa xoia do patrimonio artístico galego que é o Pórtico da Gloria”.

Pola súa parte, a deputada Olalla Rodil, anunciou que o BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento para que a Xunta tome posición sobre o prezo de acceso ao Pórtico da Gloria. De acordo coas cifras que deu a propia Catedral, serían 475 persoas diarias e unha recadación de case 5.000 euros cada xornada, “pero aínda que fosen a metade de visitantes serían 750.000, que son tres veces o que di a propia Catedral que lle custaría o mantemento desta xoia artística que pertence ao conxunto das galegas e galegos”, explicou, que estimaron en 200.000 euros anuais para conservación.

Despois das cantidades de diñeiro público que se investiu pola Xunta de Galiza, os 17 millóns do Goberno español e os máis de 6 millóns da Fundación Barrié de la Maza, “no BNG entendemos que algo teñen que dicir as administracións públicas e o Goberno galego ten que tomar posición, por se sabía que ía ser así cando se asinaron os convenios de restauración do Pórtico da Gloria e que as galegas e galegos iamos ter que pagar 10 euros pola súa visita”. “Desde o BNG entenderiamos que se cobrase por entrar visitar o Pórtico da Gloria se a Igrexa tivese vontade de devolver o diñeiro que se investiu con diñeiro público por parte de todos os galegos e galegas”, concluíu.

Goretti Sanmartín: “O Pórtico da Gloria non se pode converter nunha máquina de facer cartos para a Igrexa”