ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín propón abrir as instalacións deportivas da USC á veciñanza coa colaboración do Concello coa fundación que as xestiona

usc.concello
Goretti Sanmartín con Navia Rivas, Lois Calvelo e Pilar Lueiro

O paquete de iniciativas para estabelecer sinerxías entre Concello e Universidade inclúe o uso da escola infantil Breogán e do Auditorio

Goretti Sanmartín propón abrir as instalacións deportivas da USC á veciñanza coa colaboración do Concello coa fundación que as xestiona

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2019.- A candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín presentou unha proposta “para tecer cidade entre o Concello e a USC” destinada a abrir as instalacións deportivas universitarias, escola infantil e auditorio para uso da veciñanza de Santiago de Compostela. Na presentación desta iniciativa participaron Navia Rivas, Lois Calvelo e Pilar Lueiro, que encabezan a lista do BNG.

Un dos problemas máis importantes que ten Santiago é a súa desvertebración social, explicou Goretti Sanmartín, “porque faltan elementos de unión entre barrios e o centro e un dos espazos onde hai menos sinerxías é entre o ámbito universitario e a cidade”. Para iso, para romper ese esquema, o BNG presenta esta iniciativa para que o maior complexo deportivo situado no centro da cidade, no campus sur, se poña a dispor de todas as persoas residentes. Referiuse así á pista de hóckey, campo de fútbol, pistas de atletismo, piscina e pavillón deportivo “que son unhas instalacións magníficas que poden ser mellor aproveitadas polo conxunto da veciñanza, para que todas as persoas que viven en Santiago de Compostela poidan usalas, aínda que teña prioridade a comunidade universitaria”, de xeito que amplíen os horarios e mesmo abran en etapa non lectiva.

Para iso é necesario crear “unha entidade que se encargue de xestionar esa colaboración para poñer a funcionar este complexo deportivo a beneficio do conxunto da veciñanza”, engadiu a candidata. Explicou que a Fundación USC Deportiva ten entre os seus fins poder xestionar, administrar e explotar o uso das instalacións e equipamentos deportivos, que pode colaborar con outras administracións, sexan públicas ou privadas, co que o Concello de Santiago pode entrar neste ente con participación económica e toma de decisións para conseguir abrir estas instalacións ao beneficio do conxunto de santiagueses e santiaguesas. “Non pode ser que haxa infraestruturas infrautilizadas e non se busque esa cooperación entre ámbito universitario e a propia cidade, advertiu.

Ademais das instalacións deportivas, outros servizos como a escola infantil Breogán tamén pode ofertar as prazas vacantes (25 no último curso) cando hai un déficit de prazas na cidade; ou a cesión do uso do Auditorio da Universidade, un equipamento que precisa rehabilitarse para que poida ser utilizado para o conxunto da veciñanza de Santiago. Nese paquete incluíu tamén a reivindicación histórica do aparcadoiro no campus sur, baixo o estanque, para eliminar o tráfico e o estacionamento en superficie, ademais de dar servizo ao comercio do Ensanche, para facer un campus máis humanizado. “Concello e USC deben ir da man e iso significa implicarse para tecer cidade”, concluíu a candidata.

Goretti Sanmartín propón abrir as instalacións deportivas da USC á veciñanza coa colaboración do Concello coa fundación que as xestiona