PLENO

Goretti Sanmartín propón que na parcela municipal cedida á Xunta nas Fontiñas se constrúa un centro de día se a residencia vai para o Castiñeiriño

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela conta con 25.000 persoas con máis de 60 anos das que 4.000 viven soas
Goretti Sanmartín propón que na parcela municipal cedida á Xunta nas Fontiñas se constrúa un centro de día se a residencia vai para o Castiñeiriño

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, defenderá no Pleno unha moción para a construción dun centro de día na parcela municipal DOC-15 no ámbito do Plan parcial das Fontiñas, toda vez que o proxecto da residencia de maiores se traslade ao Castiñeiriño.

Na Comisión informativa de Urbanismo trasladarase a proposta de ampliación de usos dotacionais permitidos polo Plan parcial do SUNP-14 (Tras Paxonal) para acoller a nova residencia de maiores. Ante o cambio producido para a posta a disposición no barrio do Castiñeiriño de terreos por parte do Concello de Santiago para a construción desta residencia de maiores que estaba prevista construír no barrio das Fontiñas, pola necesidade de máis superficie para habilitar cuartos individuais e dispor de zona verde, pódese aproveitar a oportunidade para reclamarlle á Xunta un centro de día, explicou Goretti Sanmartín.

“As Fontiñas, barrio de recente creación transformado hai máis de 25 anos co polígono de vivendas, precisa un centro de día para a súa poboación, unha dotación que se pode realizar na parcela DOC-15 do Plan parcial”, destacou. Na actualidade é un barrio envellecido, por iso é un lugar idóneo para unha dotación dun centro de día que lles permita ás persoas maiores estar na casa e ter un espazo socialización e de realización de actividades para teren boa saúde física e intelectual”, engadiu.

Santiago de Compostela conta con 25.000 persoas con máis de 60 anos das que 4.000 viven soas. Só dispón de tres residencias públicas de maiores cando estas infraestruturas deben ser consideradas un servizo social básico, tendo en conta ademais que Galiza está por debaixo da media. Ademais, un informe do Consello de Contas revelaba que para acceder a unha residencia as persoas maiores deben agardar dous anos, cando a lei marca nove meses.

En xullo de 2018, Alcaldía e Xunta asinaron un convenio para a cesión da parcela das Fontiñas onde estaba previsto construír esa nova residencia para maiores en Santiago, ano e medio despois de que se anunciase o compromiso no Consello da Xunta. Tratábase dunha parcela de 3.000 m2 para a esta instalación que ía contar con 150 prazas. O 14 de outubro de 2018 aprobouse esta cesión do terreo en Xunta de Goberno local.

Goretti Sanmartín propón que na parcela municipal cedida á Xunta nas Fontiñas se constrúa un centro de día se a residencia vai para o Castiñeiriño