PLENO

Goretti Sanmartín proporá no Pleno que o Concello de Santiago organice unha programación sobre o centenario da revista Nós

Revista Nós
Revista Nós

Inclúe a convocatoria dun premio específico para recoñecer a investigación e a obra artística máis destacada sobre o Grupo Nós

Goretti Sanmartín proporá no Pleno que o Concello de Santiago organice unha programación sobre o centenario da revista Nós

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará ao Pleno unha moción para que o Concello de Santiago desenvolva actividades de recoñecemento, divulgación e investigación sobre o labor do Grupo Nós na celebración do centenario da súa revista.

“Coa intencionalidade de que non fique na superficialidade ou na simple homenaxe institucional, parece unha obriga das administracións públicas conseguir que se afonde no coñecemento e difusión da obra das persoas pertencentes a esta xeración con espectáculos orixinais ou investigacións especificamente creadas con motivo da celebración do seu centenario”, explicou Goretti Sanmartín.

En 2020 celebrarase o centenario dunha iniciativa singular e decisiva na historia contemporánea do noso país: o nacemento da revista Nós, unha revista que coloca literatura, lingua, artes e ciencia galega nun alto nivel de calidade e prestixio, nun tempo en que Galiza conseguiu proxectarse no mundo e ser interlocutora, en pé de igualdade, coas diferentes culturas europeas. O primeiro número desta publicación saíu o 30 de outubro de 1920.

Nós é herdeira directa do espírito das Irmandades da Fala (1916) e do boletín A Nosa Terra (1917), que son os seus antecedentes directos. Ao redor da revista, xuntouse un grupo importante de persoas do mundo do pensamento dispostas a contribuír ao coñecemento e recoñecemento da nosa terra e a conseguir a nosa proxección universal desde  a nosa propia realidade.

Entre as persoas que promoveron a revista e que caracterizan esta etapa están Vicente Risco, director literario; Afonso Daniel Rodríguez Castelao, director artístico; Ramón Otero Pedraio; e Ánxel Casal, que foi alcalde deste concello paseado e asasinado polo horror franquista. É este último, xunto con María Miramontes, un dos membros dunha parella de especial transcendencia na historia recente de Santiago; mais para calquera das persoas integrantes do Grupo Nós, “Compostela foi esa capital de Galiza, esa cidade universitaria, chave imprescindíbel no camiño para conseguirmos unha Galiza libre e soberana, tamén nos ámbitos cultural, lingüístico e estético”, recolle a iniciativa.

Por outra parte, a revista s serviu tamén como principal propulsora de artistas, creador@s e escritor@s nov@s e garda unha relevante conexión xeracional coa figura de Ricardo Carvalho Calero, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2020, e que foi testemuña excepcional desta época e estudoso constante da obra dos principais artífices do Grupo.

Deste xeito, o BNG proporá que o Concello de Santiago elabore unha programación específica continuada en 2020 sobre o Grupo Nós e a súa relevancia para a cultura galega en xeral e para Santiago de Compostela en particular.

Outro dos puntos da iniciativa vai destinado a que o Concello de Santiago colabore con outras institucións da cidade, nomeadamente coa Universidade, para coordinar a programación e para poñer en marcha proxectos máis ambiciosos co obxectivo de salientar a relevancia do Grupo Nós e de estender ao conxunto da poboación a mensaxe das súas ideas e logros na etapa que protagonizaron.

Tamén se procura que o Concello de Santiago colabore e apoie aquelas iniciativas que xurdan da base asociativa e cultural para pór en valor e render a homenaxe que merecen as figuras desta etapa da nosa historia lingüística e literaria.

Ademais, propón que se promovan, coa implicación económica precisa, aquelas iniciativas investigadoras e artísticas (obras dramáticas, exposicións, performances…) que se destaquen por descubrir aspectos pouco coñecidos da etapa Nós. Para iso creará un premio específico para recoñecer a investigación e a obra artística máis destacada cuxos resultados serán mostrados ao público no mes de outubro de 2020.

 

 

Goretti Sanmartín proporá no Pleno que o Concello de Santiago organice unha programación sobre o centenario da revista Nós