PLENO

Goretti Sanmartín reclama a instalación dunha marquesiña de autobús na Barcia

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Veciñanza e alumnado do Centro Superior de Hostalaría carecen deste espazo para gorecerse da chuvia
Goretti Sanmartín reclama a instalación dunha marquesiña de autobús na Barcia

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclámalle ao alcalde que realice as xestións necesarias para instalar unha nova marquesiña de autobús na Barcia, á beira do paso de peóns do Centro Superior de Hostalaría na estrada AC-543.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego recibiu queixas de persoas usuarias de transporte público na zona da Barcia de que segue sen instalarse unha nova marquesiña ou sen trasladarse a existente ao punto exacto da parada de autobuses, co fin de que centos de estudantes e veciños/as poidan gorecerse das inclemencias meteorolóxicas ademais de protexerse na beiravía, posto que nesa zona os vehículos pasan a moita velocidade.

Cómpre lembrar que a veciñanza rexistrou máis de 80 sinaturas en setembro de 2018 e presentou escritos á Comisión de Queixas e Suxestións para a instalación dun semáforo que servise para reducir a velocidade, pintar e sinalizar o paso de peóns e instalar a marquesiña. Ademais, o BNG fíxose eco destas reivindicacións e trasladou iniciativas tanto ao Parlamento como ao Pleno do Concello en xaneiro de 2019 para solucionar este problema de seguranza viaria.

Deste xeito, Goretti Sanmartín formulará unha pregunta no Pleno para que se instale unha nova marquesiña por parte do Concello ou que realice as xestións oportunas para reclamarlle á Administración que corresponda que desprace a que está situada a perto de 100 metros de distancia da parada e que permanece inutilizada.

Goretti Sanmartín reclama a instalación dunha marquesiña de autobús na Barcia