CIDADE HISTÓRICA

Goretti Sanmartín sinala que o avance do Plan especial “non afonda nas solucións para combater o despoboamento da Cidade Histórica”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Non recolle aspectos básicos como o regulamento da recollida de lixo, medidas de accesibilidade, dotación de banda larga de internet, horarios e zona de transporte de mercadorías nin axilización de licenzas para obras

Goretti Sanmartín sinala que o avance do Plan especial “non afonda nas solucións para combater o despoboamento da Cidade Histórica”

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, realizou unha valoración dos documentos de avance do Plan especial e do Plan de xestión da Cidade Histórica presentados esta semana que “non afondan nas solucións aos diferentes problemas que existen para combater o despoboamento da zona vella e, aínda que coincidimos cos criterios e obxectivos xerais, entendemos que está moi verde e falta unha segunda fase necesaria”.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, con este documento “non se deron os avances para deseñar o Santiago do futuro, pois hai diagnose e obxectivos mais non proposta de futuro”.

Para o BNG, esta proposta chega “con moitísimo atraso”, revisar o Plan Especial foi a primeira proposta de Jorge Duarte ao chegar á Concellaría de Espazos Cidadáns hai case catro anos “e o proceso foi calamitoso, pois os primeiros traballos entregados foron un desastre tal e como recoñeceron os técnicos municipais en informes e o propio concelleiro”, que intentou reconducir “un mal traballo de redacción da revisión do Plan Especial” coa incorporación posterior de Requejo para facer o Plan de Usos.

Ademais, destacou que Compostela Aberta debera facer un documento consensuado. “Expoñer non é consensuar; partidos políticos, asociacionismo veciñal e comercial, colexios oficiais e outros colectivos tiñan que ter oportunidade de participar e de achegar propostas durante o proceso de elaboración”, explicou.

O Plan de Xestión para o primeiro trámite de impacto ambiental “é moi xenérico e declarativo”. Así, sinalou diversos temas fundamentais que non recolle como o regulamento de carga e descarga de mercadorías na zona histórica (horarios, tipoloxía de vehículos, etc.); o regulamento da recollida de lixo; a dotación de servizos básicos á veciñanza como gas, internet de banda larga ou aparcadoiro para residentes; a mellora da xestión e axilidade do sistema de concesión de licenzas para obras en vivendas ou locais comerciais; a mellora da accesibilidade en combinación co respecto á conservación do patrimonio; a regulación para garantir a música ao vivo en prazas e locais e tamén faltan medidas para garantir o dereito da veciñanza ao descanso.

Goretti Sanmartín sinala que o avance do Plan especial “non afonda nas solucións para combater o despoboamento da Cidade Histórica”