Goretti Sanmartín: “Ten que haber diálogo para chegar a un consenso sobre as terrazas entre a hostelaría e o Concello, sempre co respecto ao tránsito preferente peonil”

Terrazas
Terrazas
Moitas terrazas non poden abrir debido a que o seu emprazamento fai inviábel cumprir a norma municipal e chegar ao 50% do aforo que permite a norma estatal
Goretti Sanmartín: “Ten que haber diálogo para chegar a un consenso sobre as terrazas entre a hostelaría e o Concello, sempre co respecto ao tránsito preferente peonil”

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón que o Goberno local realice, en colaboración co asociacionismo do sector hosteleiro, unha instrución clara para as terrazas co fin de garantir a equidade para profesionais que desenvolven esta actividade, ademais de facer valer a aplicación das normas de seguranza fronte á covid-19 e sempre co tránsito peonil como preferente.

Durante o período de apertura de terrazas de bares e cafetarías neste 2020, o Goberno local debe conxugar as normas locais preexistentes coas derivadas da prevención da pandemia da covid-19, polo que nunha das reunións se comprometeu coa Asociación de Hostelaría Compostela á flexibilización da actual normativa das terrazas para poder reorganizar os espazos de xeito que se mantivese a distancia de seguridade esixida entre as mesas, se facultase a posibilidade de cubrir o 50% de aforo permitido e se mantivesen as distancias de tránsito peonil.

Tendo en conta a necesidade de conxugar o dereito do tránsito peonil e da existencia dos espazos de protección adecuados, desde o sector xúlgase que con estas medidas son moitas as terrazas que non poden abrir debido a que o seu emprazamento, en rúas estreitas ou pequenas prazas, fai inviábel cumprir a norma municipal e chegar ao 50% do aforo que permite a norma estatal, mentres outras situadas en prazas abertas están a ocupar máis espazo público do que inicialmente lles correspondería.

Para o BNG, isto vai en detrimento de pequenos negocios fronte aos grandes e pode poñer en perigo moitas pequenas empresas que constitúen un modelo que ofrece diversidade de bares e cafetarías de pequena escala que xa son parte da identidade de Santiago de Compostela, ademais de ser fonte de numerosos postos de traballo que se poden perder.

Goretti Sanmartín: “Ten que haber diálogo para chegar a un consenso sobre as terrazas entre a hostelaría e o Concello, sempre co respecto ao tránsito preferente peonil”