Imprimir

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno as demandas do Castiñeiriño para que o Concello vixíe as afectacións antes de autorizar outra gasolineira

bngsantiago | 11 de Xaneiro de 2019

Temen que este negocio provoque problemas de mobilidade, ruídos, malos olores e contaminación do aire ao estar tan próxima a vivendas

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, trasladará ao Pleno as demandas da veciñanza do Castiñeiriño para vixiar as posíbeis afectacións da solicitude para a instalación dunha nova gasolineira neste barrio.

No barrio do Castiñeiriño, a veciñanza expresou o seu malestar ante o anuncio da instalación dunha gasolineira nunha zona próxima a vivendas, ante o temor de que este negocio vaia provocar problemas de seguranza, mobilidade, ruído, malos olores e contaminación do aire polas emisións procedentes da evaporación de combustíbeis de xeito continuado para as persoas que residen na zona. Ademais, ten nas inmediacións un centro sanitario destinado a tratamentos mediante diálise.

A estación de servizo pretende emprazarse nun terreo que no PXOM figura como rústico, polo que aproveitan a permisividade legal con este tipo de negocios recollida no artigo 35 da Lei do Solo de Galiza sobre usos e actividades en solo rústico que inclúe as “instalacións vinculadas funcionalmente ás estradas e as previstas na ordenación sectorial destas, así como as estacións de servizo”.

Deste xeito, o BNG recolleu a preocupación da veciñanza, que non entende as facilidades que se lle deron desde o Concello na autorización de licenzas e redacción de informes positivos para este negocio, cando xa hai outro deste tipo nas proximidades, sen atender os problemas que pode ocasionar a proliferación de estacións de servizo de repostaxe tendo en conta que poden prexudicar a calidade de vida das persoas residentes no barrio.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goretti-sanmartin-traslada-ao-pleno-demandas-do-castineirino-concello-vixie-afectacions-antes-autorizar-outra-gasolineira/20190111124150002330.html


© 2019 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Rúa do Home Santo, 54 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981554167
Correo: compostela@bng.gal