ELECCIÓNS

Margarita Ledo Andión

margarita
Margarita Ledo

Margarita Ledo vai no número 8 da candidatura do BNG ás eleccións municipais

Margarita Ledo Andión

Son veciña do bairro da Almáciga, escritora e cineasta, catedrática de comunicación audiovisual da USC, coordino o Grupo de Estudos Audiovisuais e dirixo o proxecto de I+D+i Patrimonio Cultural Inmaterial: Para un programa europeo de subtitulado en linguas non-hexemónicas. 

Madriña do colectivo “Xornalistas Galegas” que traballa por e dende unha perspectiva feminista nos Medios de Comunicación, son Premio Nacional da Cultura Galega-2008 en Cine e Audiovisual, Premio Otero Pedrayo-2017 e numeraria da Real Academia Galega.

Presidenta de Honra da AGACOM, asociación galega de investigadoras e investigadores en comunicación; estou afiliada á CIG; son vicepresidenta da IBERCOM, asociación iberoamericana de comunicación; membro do Colexio de Xornalistas de Galicia; da Asociación de escritores e escritoras en lingua galega, AELG; do Museo do Pobo Galego; socia da produtora cinematográfica Nós e socia colaboradora da Cooperativa NUMAX.

Pertenzo ao consello de administración da editorial Galaxia, en que coordino a serie “Para unha historia do cinema en lingua galega” e son autora de filmes como A cicatriz branca (2012) sobre as mulleres que emigraron soas; Santa Liberdade (2004), que narra aquela acción galego-portuguesa contra as Ditaduras de Franco e Salazar; Manuel María: ”eu son fala e terra desta miña Terra” (2005/2016); Liste, pronunciado Líster (2007), Cienfuegos, 1913 (2008) ou, en 2017, Bucle, para o libro-CD “Herdeiras” de Carmen Penim. Na edición 2016 o Festival Internacional de Cinema Documental “DocumentaMadrid” adicoume unha retrospectiva.

Margarita Ledo vai no número 8 da candidatura do BNG ás eleccións municipais.

Margarita Ledo Andión