ENSINO

O BNG consegue que se busque un novo emprazamento para a Escola Municipal de Música

Permitirá liberar espazo para que os nenos e nenas do CEIP Apóstolo Santiago estean nunhas condicións dignas

O BNG consegue que se busque un novo emprazamento para a Escola Municipal de Música

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, sinalou que o BNG trasladou ao Pleno unha moción para buscarlle un novo emprazamento á Escola Municipal de Música, en concordancia co acordo con Compostela Aberta sobre os Orzamentos municipais. Esta moción foi aprobada cos votos a favor do BNG e PP e as abstencións de CA e PSOE. “Lamentabelmente no Pleno escoitamos moitas escusas que non son comprensíbeis” por parte do Goberno de Compostela Aberta, sinalou Rubén Cela.

O BNG mantivo unha reunión coa ANPA e coa dirección do centro Apóstolo Santiago, onde comunicaron que querían expor no Pleno a súa problemática de falta de espazo. Na década de 1950 cedéronse terreos para que alí se construíse un centro de ensino público, a partir de 1990 perde matrícula e pídese unha desafección á Consellaría de Educación para ese espazo libre e o Concello investiu unha contía importante para a adecuación e insonorización do aulario co fin de crear, a iniciativa do BNG, unha Escola Municipal de Música.

“Foi unha decisión correcta e positiva naquel entón para Santiago de Compostela, mais estamos en 2017 e produciuse un cambio de tendencia na matrícula dese centro e agora hai aulas preparadas para 10 estudantes que teñen 20 ou aulas sen luz exterior”, explicou Rubén Cela. “Cando se trata de ensino regrado e as súas necesidades teñen  que estar por enriba das outras”, engadiu.

Así, o BNG propón unha solución razoada para ambas as partes, cunhas instalacións mellores para a Escola Municipal de Música que ten máis de 400 alumnos/as e, ao mesmo tempo, liberar ese espazo para que os nenos e nenas do CEIP Apóstolo Santiago estean nunhas condicións dignas.

O BNG consegue que se busque un novo emprazamento para a Escola Municipal de Música