Imprimir

Recollida de sinaturas e acto informativo para abaratar o recibo da luz

bngsantiago | 05 de Novembro de 2018

Recollida de sinaturas no Toural
Recollida de sinaturas no Toural

Será o martes 6 de novembro ás 20:00 h. no Museo das Peregrinacións

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2018.- O BNG organiza unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar a redución do IVE do 21 ao 4% ademais dun acto público previsto para o martes 6 de novembro ás 20:00 no Museo das Peregrinacións, na praza das Praterías, coas intervencións de Goretti Sanmartín, portavoz municipal e candidata á Alcaldía; Noa Presas, deputada parlamentar; e Fernando Branco, responsábel de Enerxía da CIG.

Goretti Sanmartín Rei, en declaracións aos medios de comunicación durante a recollida de sinaturas na praza do Toural, sinalou que a luz é “un produto de primeira necesidade e non unha mercadoría de luxo que sirve para que as empresas eléctricas cada vez gañen máis”. Galiza é un país produtor e exportador de enerxía, que ten que soportar unha das tarifas máis caras de Europa cando ten os salarios e as pensións das máis baixas. Nos últimos 8 anos o recibo da luz subiu máis dun 30% e no último ano un 10%, “son cantidade excesivas e sen xustificación”, engadiu.

Fixo referencia tamén á que medra “o número de persoas que non poden manter a vivenda coa temperatura adecuada”. Deste xeito, o BNG propón que a luz estea baixo o control público galego, cunha tarifa eléctrica galega que impida penalizar os lugares produtores de enerxía fronte aos que consomen e permita abaratar os prezos para particulares e tecido industrial.

Ademais, sinalou que a luz ten unha fiscalidade excesiva, “ten un IVE dun 21% como se fose un produto de luxo, que queremos abaratar ao 4% que lle corresponde aos produtos básicos”. Reclamou tamén eliminar os suplementos territoriais.

Así, a campaña do BNG consiste en recollida de sinaturas, reparto de folletos, un vídeo explicativo e mocións nos concellos. Lembrou tamén Goretti Sanmartín que o Concello de Santiago aprobou en xaneiro de 2017, a iniciativa do BNG, unha proposición para cobrarlle ás distribuidoras de enerxía eléctrica polo uso do espazo público, porque hai sentenzas que avalan esta medida. Para isto, o BNG reclama a modificación das ordenanzas fiscais co fin de que inclúan este cobro ás eléctricas e que ese diñeiro poida reverter en  bonificacións para as persoas máis desfavorecidas.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/recollida-sinaturas-acto-informativo-abaratar-recibo-da-luz/20181105144334002281.html


© 2018 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal