O roteiro sobre mobilidade e patrimonio organizado polo BNG evidencia a necesidade da senda peonil

O roteiro sobre mobilidade e patrimonio organizado polo BNG evidencia a necesidade da senda peonil

Centos de persoas fan a pé a diario o traxecto do Milladoiro á Volta do Castro, que carece de beirarrúas, pasos de peóns e doutras medidas de seguridade

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego organizou un roteiro para reclamar a construción dunha senda peonil e dun carril bici para unir O Milladoiro e Santiago de Compostela, co fin de garantir a seguridade viaria para centos de persoas que usan esta vía a diario tanto para desprazarse a traballar, como para practicar deporte ou pasear.

Ao abeiro dunha iniciativa do BNG aprobada por unanimidade no Pleno de Santiago, unhas 50 persoas fixeron este sábado o percorrido do Milladoiro á Volta do Castro, con chaleques reflectantes, sinais de tráfico e pasos de peóns que despregaron sobre a estrada para poderen cruzar por onde, habitualmente, o fai a veciñanza da zona.

Segundo as explicacións de Xesús Domínguez, responsábel local do BNG de Santiago, as infraestruturas dividiron os barrios en dous e priorizaron os vehículos fronte ao tránsito das persoas a pé ou en bicicleta. O BNG aposta por outro modelo de cidade, cun cambio que debe comezar por facilitar a mobilidade da veciñanza de xeito natural e con seguridade, con zonas de estacionamento adecuadas e con campañas para potenciar o uso do transporte colectivo e da bicicleta, por exemplo, co obxectivo de reducir o tráfico en vehículos privados.

O roteiro proseguiu cunha visita guiada ao Castelo da Rocha, para dar a coñecer o resultado da escavación arqueolóxica realizada co investimento de 1 millón de euros que conseguiu o BNG cunha emenda aos Orzamentos do Estado. Neste momento, o BNG reclama unha partida para realizar unha segunda fase que contribúa a poñer en valor histórico do xacemento, a súa difusión, sinalización e mellora dos accesos.

En 1467, cando era unha das meirandes fortalezas medievais europeas, no tempo das revoltas irmandiñas, a Irmandade de Compostela, con 11.000 persoas segundo o Preito Tabera-Fonseca, derrubou o Castelo da Rocha Forte, que simbolizaba o poder do arcebispado e a opresión feudal no Reino de Galiza.

Neste roteiro de mobilidade e patrimonio participaron o responsábel local do BNG, Xesús Domínguez; o responsábel comarcal, Alexandre Pérez Queiro; edís nacionalistas en Ames e en Santiago como David Santomil, Isabel Vaquero e Goretti Sanmartín, simpatizantes do BNG e veciños e veciñas do Milladoiro, da Volta do Castro e da Rocha Vella, que se interesaron pola iniciativa.

O roteiro sobre mobilidade e patrimonio organizado polo BNG evidencia a necesidade da senda peonil