Rubén Cela atribúe á falta de planificación de CA que tan só se executase o 9% do capítulo de investimentos no que vai de ano

“Este goberno de Compostela Aberta está a demostrar, un ano máis, que non planifica ben, que planifica pouco e que executa moitísimo peor”, afirma

Rubén Cela atribúe á falta de planificación de CA que tan só se executase o 9% do capítulo de investimentos no que vai de ano

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, referiuse en rolda de prensa á execución do orzamento dos tres primeiros trimestres deste exercicio, onde tan só se gastou o 9% do previsto no capítulo de investimentos.

“Estes datos non son moi bo agoiro, porque os indicadores son demoledores”, afirmou Rubén Cela. No capítulo de investimentos, o crédito total era de 27 millóns de euros dos que só hai executados (con obrigas recoñecidas) 2,6 millóns. No terceiro trimestre de 2017 vai executado o 9% do capítulo de investimentos. Se se lle suman o capítulo VII das transferencias de capital (o diñeiro real que tería o concello para obras e investimentos) baixaría a un 8,98%

“Con este grao de execución, quedando só un trimestre para rematar o ano aínda que sempre é neste último cando máis se eleva, unha vez máis o resultado deste Concello volverá ter inaceptábel”, destacou.

“Sobre as transferencias correntes, está executado o 50% porque aí está o diñeiro que o Concello manda para Incolsa, Auditorio e demais”, explicou, “mais aí é onde están as subvencións a entidades e só queda un trimestre para rematar o ano e aínda non se realizaron”.

Outro dato ao que se referiu, é que “se quitamos as partidas de nóminas de persoal municipal e a débeda cos bancos, a 30 de setembro de 2017, o grao de execución global é dun 36,38%”

Para o BNG estes indicadores evidencian que CA segue a mesma tónica dos exercicios anteriores porque “vai rematar o ano cun nivel de execución de orzamento absolutamente inasumíbel”. “Un bo goberno é aquel que planifica ben e executa a maioría do que planifica”, indicou Rubén Cela, “mais este goberno de Compostela Aberta está a demostrar, un ano máis, que non planifica ben, que planifica pouco e que executa moitísimo peor”.

 

“As contas son un espello onde se reflexa a realidade da acción de Goberno de Compostela Aberta, mentres os orzamentos son unha ilusión”, sinalou. Ao principio de mandato, CA responsabilizaba o PP do legado ante a falta de execución mais o ano pasado só se executou o 22% tendo a responsabilidade de Goberno durante todo o exercicio de 2016.

 

Rubén Cela atribúe á falta de planificación de CA que tan só se executase o 9% do capítulo de investimentos no que vai de ano