Rubén Cela realizou o balance da xestión económica do 2015 no Concello de Santiago

Rubén Cela realizou o balance da xestión económica do 2015 no Concello de Santiago

Rubén Cela sinala que “a xestión económico-financeira deste concello no exercicio 2015 é un auténtico desastre que non mellorou coa chegada de Compostela Aberta ao Goberno local”

O BNG aínda non coñece as cifras da suposta proposta do Orzamento municipal

Santiago de Compostela, 07 de xaneiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, realizou o balance da xestión económica do 2015 no Concello de Santiago. “Foi un ano peculiar porque até o 13 de xuño que comezou a gobernar Compostela Aberta a responsabilidade recaía no Partido Popular. Dende o BNG entendemos que ao comezo do mandato había catro grandes obxectivos a nivel económico que eran sacar adiante as Ordenanzas fiscais e os Orzamentos municipais para 2016, a elaboración do Plan Económico Financeiro e traballar para garantir un bo grao de execución do orzamento e pagamento a provedores”, indicou.

“Coas Ordenanzas fiscais houbo un intento de suba xeneralizada dos impostos baixo unha retórica de progresividade fiscal que non se correspondía coa realidade”. Dende o grupo municipal do BNG “cremos que o goberno evidenciou que ten serias limitacións para xerar consensos e chegar a acordos. Ademais por primeira vez, non están, entrado o novo ano, aprobadas a ordenanza do Imposto de Actividades Económicas nin as taxas municipais”, sinalou Rubén Cela.

Con respecto aos Orzamentos municipais sinalou que en oito meses de goberno foron incapaces de aprobar un orzamento en tempo e forma, que “a día de hoxe aínda non recibimos nin unha soa cifra da suposta proposta do Goberno municipal”.

Do mesmo xeito, reiterou a preocupación do grupo municipal do BNG pola falta de aprobación do Plan Económico Financeiro (PEF) que tiñan a obriga de realizar toda vez que se incumpriu a regra do gasto. “A concelleira mentiu no Pleno cando afirmou que xa estaban traballando nel e que se ía aprobar”, dixo o portavoz nacionalista. Ademais tamén denunciou a falta de transparencia e o incumprimento do Regulamento orgánico de funcionamento do Pleno ao non ter contestado unha pregunta por escrito, acerca do PEF, rexistrada no mes de outubro cando o dito regulamento establece un prazo de quince días para remitir a resposta.

Segundo Rubén Cela, polos últimos datos dispoñíbeis, indicou que a día 1 de outubro había consignados pendentes de pagamento 6,2 millóns, 1.763 facturas sen conformar por valor de 2,7 millóns e 1,8 millóns de euros en facturas conformadas non contabilizadas, é dicir, o Goberno municipal a principios de outubro tiña 10,7 millóns de euros sen pagar, moitas de pequenas empresas da cidade.

Respecto do estado de execución orzamentaria “o estado de execución do capítulo VI, á altura de outubro, estaba nun 12,07%, é dicir, de 31,6 millóns dispoñíbeis para investimentos de estaban executados e pagados 3,8 millóns de euros”, engadiu.

Neste sentido, o BNG cre que o Goberno local é irresponsábel porque nun momento de grave crise económica “é incomprensíbel que podendo estimular a economía local con determinadas obras e investimentos non o faga pola incapacidade de proxectar, executar, contratar e pagar”, dixo Rubén Cela.

“A xestión económico-financeira deste concello no exercicio 2015 é un auténtico desastre que non mellorou coa chegada de Compostela Aberta ao Goberno local”, concluíu.

Rubén Cela realizou o balance da xestión económica do 2015 no Concello de Santiago