PLENO

Rubén Cela reclama a convocatoria do Debate do Estado do Concello

debate
debate

"É imprescindíbel que se realice antes do remate deste ano 2016”, afirma

Rubén Cela reclama a convocatoria do Debate do Estado do Concello

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, instou ao Goberno de Compostela Aberta a convocar o Debate do Estado do Concello “para diagnosticar e analizar a situación actual mais tamén para formular propostas en positivo para o futuro”.

De acordo co artigo 114 do Regulamento orgánico municipal do Pleno de Santiago de Compostela, o Goberno local debe poñer data do Debate do Estado do Concello. Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, a normativa interna regula que durante cada mandato se realizarán tres plenos extraordinarios de Debate de Estado do Concello, a excepción do ano en que se convoquen eleccións municipais.

“Foi unha teima particular do BNG que se cumprise este artigo no anterior mandato do PP e, por desgraza, levamos demasiados anos sen que se convoque porque se lle furta a posibilidade dese debate á oposición e tamén ao conxunto da veciñanza”, explicou o portavoz nacionalista en Raxoi.

“É imprescindíbel que antes do remate deste ano 2016 se realice e, ao tratarse dun debate extraordinario e cunha importancia cualitativamente diferente a calquera outro Pleno, debera anunciarse con catro semanas de antelación a súa convocatoria para preparalo debidamente”, indicou.

Trátase de ter a posibilidade, dixo, de ter un debate “profundo e sosegado” sobre o funcionamento deste concello, cal é o grao de cumprimento de obxectivos que se marcaba o novo Goberno, de iniciativas políticas, análise da execución de acordos orzamentarios, funcionamento da xestión ordinaria, compromisos electorais ou a situación interna como administración.

Rubén Cela reclama a convocatoria do Debate do Estado do Concello