CIDADE HISTÓRICA

Rubén Cela reclama transparencia e o novo cronograma da revisión do Plan Especial da Cidade Histórica

Advirte dos atrasos, falta de clareza e de información neste proceso

Rubén Cela reclama transparencia e o novo cronograma da revisión do Plan Especial da Cidade Histórica

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, advertiu do incumprimento de prazos e metodoloxía da revisión do Plan Especial da Cidade Histórica, un dos grandes proxectos pendentes de Compostela. Así, reclamou “claridade” para saber en que situación están eses traballos e preguntoulle ao Goberno local “cando  pensa reunir aos grupos municipais e cal é o novo cronograma, porque é evidente que está incumprido, e o prazo para que a veciñanza poida presentar alegacións e propostas”.

En febreiro de 2015, cando gobernaba o PP en Santiago de Compostela, asinábase o contrato entre o Concello e o estudo de arquitectura Thuban para a revisión dese plan especial por 322.000 euros máis IVE e un prazo de execución de tres anos, para o que o anterior goberno conseguira chegar a un acordo de colaboración coa Xunta por 453.000 euros, cantidade sufragada a partes iguais polas dúas administracións. O prazo de execución máximo do mesmo quedaba fixado en 30 meses.

A partir daquel momento, creouse unha comisión de persoas expertas que encabezaba Xerardo Estévez, que xa non segue, “e en abril de 2017 dixeron que tiñan un borrador incompleto e que seguían traballando nel”. “En teoría”, sinalou Rubén Cela, “en base ao propio cronograma do contrato, tiñan que ter entregada unha proposta en agosto de 2017 e sometela a exposición pública para recoller suxestións e propostas”, da que nada se soubo. En xuño de 2017, o concelleiro Jorge Duarte anunciaba que se incorporaba Juan Requejo como asesor técnico á comisión do plan especial e do plan de xestión. Anunciouse que en setembro se ía iniciar un proceso de participación social e en outubro unha gran conferencia estratéxica, mais tampouco non se soubo nada.

Este mes de febreiro fanse tres anos da sinatura daquel contrato e os 30 meses de execución están vencidos, indicou Rubén Cela, e “transparente non é o mellor cualificativo para este proceso porque de momento ten máis escuros que claros”, advertiu o portavoz nacionalista.

Para o BNG a preocupación é grande polos atrasos, a falta de clareza e a falta de información remitida aos grupos municipais. “Hai debates que se deben tratar nese plan especial e no plan de usos que, tal como van as cousas, fan desconfiar do proceso”, sinalou. Referiuse así a aspectos pendentes de resolver como o proceso de avellentamento na poboación da Cidade Histórica, a resolución do reparto a bares, o acceso a internet, a recollida de lixo, os equipamentos culturais desaproveitados, a concesión de novas licenzas a hoteis e apartamentos, a compatibilización do dereito ao lecer e ao descanso da veciñanza, a accesibilidade, o aparcadoiro e o soterramento do cableado, entre outras.

Rubén Cela reclama transparencia e o novo cronograma da revisión do Plan Especial da Cidade Histórica