Apróbanse as iniciativas para crear emprego de calidade, evitar o peche de oficinas bancarias e ampliar o Conservatorio Profesional de Música

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
O BNG trasladou ao Pleno unha interpelación sobre a paralización da decisión de construír o Instituto de Medicina Legal de Galiza (Imelga) nas Fontiñas
Apróbanse as iniciativas para crear emprego de calidade, evitar o peche de oficinas bancarias e ampliar o Conservatorio Profesional de Música

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021.-  O BNG conseguiu aprobar diversas proposicións e mocións no Pleno ordinario de abril. Así, convertéronse en mocións conxuntas as destinadas a crear emprego de calidade e frear a emigración xuvenil; outra para reclamar que se evite o peche e despedimentos en oficinas bancarias; e para manter a categoría 7 do aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro coas medidas de seguranza aeronáutica que lle corresponden coa apertura durante as 24 horas diarias. Aprobouse ademais a proposición sobre as Letras Galegas e a necesidade de recuperar o convenio para a Biblioteca Compostela para a tradución ao galego de novelas contemporáneas internacionais, ademais dunha campaña sobre Xela Arias en colaboración cos centros de ensino e tamén a moción para a ampliar o Conservatorio Profesional de Música de Santiago, coa dotación de espazos e persoal necesario para atender a demanda existente e impartir novas especialidades.

Tamén o BNG trasladou unha interpelación sobre a paralización da decisión de construír o Instituto de Medicina Legal de Galiza (Imelga) nas Fontiñas como reclama a veciñanza. Deste xeito, Goretti Sanmartín reclamou que se convoque o Consello de Relacións Veciñais para expor proxectos, dialogar as propostas e chegar a acordos co fin de facer transparente e participativa a xestión municipal e de evitar o confrontamento e rexeitamento social de obras, ordenanzas e licitacións de contratos de servizos públicos sen o consenso oportuno. Demandou tamén que este espazo dotacional asistencial nas Fontiñas sexa destinado a fins sociocomunitarios, tendo en conta as deficiencias e carencias de servizos neste barrio, onde precisan un centro de día, unha biblioteca e a ampliación do centro sociocultural.

Outra das mocións aprobadas foi para proceder a dotar de saneamento o lugar da Curuxeira e a solucionar o problema ambiental xerado polo depósito de augas residuais nesta parroquia de Conxo, ademais de investigar e clausurar o vertedoiro situado no alto da autovía entre a Curuxeira e O Casal e de realizar as obras de pavimentación, mantemento e limpeza da rede viaria da Curuxeira, na parroquia de Conxo. Aprobouse cos votos de BNG, PP e CA; o PSOE abstívose.

Goretti Sanmartín defendeu outra moción para instar a Xunta a realizar os trámites para a ampliación das infraestruturas e dos recursos humanos necesarios no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, co obxecto de atender a demanda de prazas e para incrementar a oferta de especialidades, incluíndo as de música tradicional e órgano. Aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e CA; o PP abstívose.

O BNG trasladou un rogo para que nos novos pregos do transporte se inclúa a mellora do transporte público na Almáciga e a instalación dunha marquesiña na rúa Proxecto Vagalume. Outro rogo foi destinado á necesidade de instalar un espello que facilite o tránsito no cruce entre as rúas da Raxeira e Outeiro de Sar. O último deles foi para regular o tráfico nos horarios de entrada e saída do colexio San Jorge, xunto cunha campaña informativa para nais e pais sobre a posibilidade de estacionar de balde no aparcadoiro de Xoán XXIII nese horario.

No apartado de preguntas, o BNG inquiriu sobre cando ten previsto o Goberno local asistir ás demandas do tecido asociativo da cidade e habilitar un espazo adecuado para a súa utilización polas asociacións e colectivos que usaban a Casa do Matadoiro.

Co proxecto de reurbanización da Calzada do Sar, a veciñanza da zona quedou sen prazas para estacionar os seus vehículos sen que existise diálogo nin alternativas para o aparcamento que necesitan as persoas residentes, tendo en conta que algunhas destas vivendas carecen de garaxes. Deste xeito, o BNG preguntou pola previsión do Goberno local para solucionar o problema de aparcadoiro de residentes na Calzada de Sar e o prazo previsto, ademais de atender a petición de reunión solicitada pola veciñanza da zona.

Outra pregunta do BNG foi para coñecer que xestións realizou o Goberno local para incluír a denominación “Daniel Castelao”, a tipografía e o proxecto expositivo sobre a súa obra cultural e política na estación intermodal de Santiago de Compostela, tendo en conta que a piques de inaugurarse a estación de autobuses, no seu rótulo figura só o nome “Estación de autobuses de Santiago de Compostela”.

Moción conxunta, aprobada por unanimidade, para mellorar o emprego

Os acordos adoptados na moción conxunta impulsada polo BNG, que foi aprobada por unanimidade, inclúen que o Concello, en colaboración coa USC e Uninova, promovan a contratación para persoas mozas de Santiago de Compostela no Polo de Innovación en Biotecnoloxía da Sionlla. O Concello convocará o Consello municipal da mocidade para buscar alternativas que impulsen a creación de emprego e a estabilidade laboral, de cara a frear a emigración xuvenil. Ao abeiro deste foro, trazarase un Plan de Emprego para a mocidade.

Outro dos puntos vai destinado a que o Concello incluirá na convocatoria de axudas públicas aos sectores da hostalería e comercio a obriga de presentar unha declaración responsable do cumprimento de todas as disposicións legais, regulamentarias e convencionais vixentes en materia laboral, seguridade social, seguridade e saúde no traballo, e igualdade entre mulleres e homes.

Inclúe tamén que o Concello facilitará a organización das mobilizacións do Primeiro de Maio que se organicen en Santiago de Compostela e, como último punto, que o  Concello instará o Goberno do Estado a solicitar axudas do FEDER destinadas a paliar o problema demográfico de Galiza (e de Santiago en particular) para conseguir investimentos destinados a fixar poboación e evitar a expulsión de profesionais.

Apróbanse as iniciativas para crear emprego de calidade, evitar o peche de oficinas bancarias e ampliar o Conservatorio Profesional de Música