Apróbase a proposición do BNG para a reformulación do Xacobeo para fomentar o turismo de calidade e de proximidade

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
Resumo das iniciativas do BNG no Pleno ordinario de xaneiro de 2021
Apróbase a proposición do BNG para a reformulación do Xacobeo para fomentar o turismo de calidade e de proximidade

Acordouse elaborar o V Plan de Igualdade (2021-2024) que incluirá un apartado para que os Orzamentos municipais teñan en consideración a perspectiva e o impacto de xénero

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2021.- A portavoz do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou no Pleno ordinario de xaneiro unha proposición para crear unha comisión municipal do Xacobeo co fin de captar fondos doutras administracións que impacten no tecido social e económico local e de reorientar os programas de turismo e de cultura para contribuír a rescatar estes sectores. Aprobouse cos votos do BNG e PP e a abstención de PSOE e CA.

Por iso defendeu que se precisan actuacións conxuntas das administracións e unha posición esixente do conxunto do Concello fronte a Xunta e o Estado para conseguir reorientar e planificar o Xacobeo. O BNG avoga por conseguir incrementar tanto as partidas da Xunta como do Estado para, a través do Consorcio da Cidade, ao abeiro do Xacobeo 2021-2022 ter partidas suplementarias e extraordinarias, xustamente, para desenvolver accións que teñan que ver con esta reactivación.

Deste xeito, Goretti Sanmartín incidiu en reformular a programación do Xacobeo para fomentar o turismo de proximidade e a contratación de artistas locais e galegos/as en conexión coa hostalaría e co turismo, con propostas de interese para coñecer a comarca de Compostela.

A concelleira Navia Rivas presentou outra proposición, aprobada por unanimidade, para que o Concello de Santiago elabore, en colaboración co movemento asociativo feminista e dos grupos municipais, o V Plan de Igualdade (2021-2024) en que incluirá un apartado específico para que os Orzamentos municipais teñan en consideración a perspectiva e o impacto de xénero co obxectivo de reestruturar ingresos e gastos para promover a igualdade na prestación de servizos públicos municipais, en consonancia coa crise derivada da pandemia da covid-19 que está a acrecentar a fenda laboral. de reivindicar o sentido ético do fotoxornalismo.

Aprobouse tamén unha moción conxunta, impulsada polo BNG, para designar o fotoxornalista Emilio Lavandeira Prieto fillo adoptivo da cidade de Santiago de Compostela e para organizar un acto de recoñecemento público pola súa dedicación profesional concibida como un servizo á sociedade, ademais de levar a fotografía polo camiño da verdade.

O BNG trasladou tamén un rogo para que o Concello realice as xestións necesarias, coa correspondente dotación orzamentaria, para a conmemoración do centenario de Cantigas e Agarimos. Esta agrupación ten unha intensa traxectoria para a recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional, ademais da inspiración galeguista que aplicou desde os seus inicios á formación académica para traballar no fomento do idioma e na consolidación da identidade cultural co ideario das Irmandades da Fala.

Outro dos rogos foi para que o Concello faga as xestións necesarias para instalar iluminación na zona do aparcadoiro de Altiboia, ante as queixas recibidas. É preciso que estas obras de acondicionamento do aparcadoiro de Altiboia se complementen coa iluminación necesaria para ofrecer maior visibilidade e seguranza ás persoas usuarias, mediante un sistema de sensores de detección de movemento, de baixo consumo enerxético e de proxección descendente para evitar que se incremente a contaminación lumínica. Isto faise especialmente necesario durante o inverno, cando hai menos horas de luz e o tempo meteorolóxico é adverso.

Outra das peticións foi para mellorar a sinalización, humanización e seguranza viaria no acceso a pé á Senda Mitolóxica do Viso, ante as queixas recibidas da veciñanza. Aínda que hai diversos accesos á propia senda e ao monte Viso, a intervención parte como núcleo principal dun lugar aos que se accede pola Cidade da Cultura e que está ideado para iniciar en coche. Por iso hai falta de seguranza viaria para as persoas que deciden ir a pé, o que entraña atravesar diversas estradas e rotondas que poden ter alta densidade de tráfico e que non contan con pasos elevados ou de peóns para chegar andando até o punto de partida desta senda sen ter que levar o coche particular.

Ademais, o BNG formulou unha pregunta para saber se se vai estender o prazo de incremento de espazo para uso de terrazas máis alá do 5 de abril e para coñecer, con exactitude, a cantidade orzamentaria que ten previsto habilitar o Concello para novas axudas ao sector hostaleiro en 2021. Esta foi unha das peticións que formularon representantes de Hostalaría Compostela nun encontro co BNG, como medidas necesarias para contribuír a paliar as consecuencias económicas derivadas das restricións de aforos e horarios en bares, restaurantes e cafetarías. O BNG defende que, ademais da aprobación da exención da taxa de terrazas para 2021, nun acordo plenario adoptado o 9/11/2020, cómpre seguir a colaborar por parte das administracións para apoiar estes negocios.

Outra das iniciativas foi vinculada aos problemas derivados da implantación da administración electrónica, para saber cal é o prazo en que se están mandando as notificacións, o número de incidencias rexistradas no departamento de Informática, a posibilidade de realizar unha enquisa de calidade e a avaliación do custo que lle causa a fenda dixital a grandes sectores da poboación a implantación problemática da administración electrónica sen o debido apoio para a realización de trámites.

Ademais, Navia Rivas reclamou que se instalen novos colectores de recollida selectiva de residuos na rúa S.D. Compostela, en San Lázaro, e que se abran os subterráneos que están instalados para evitar os actuais problemas de limpeza. Tamén é necesario mellorar este servizo en Salgueiriños, segundo trasladou a veciñanza.

Outra moción do BNG -que foi aprobada cos votos de BNG, CA e PP e a abstención do PSOE- foi para que o Concello de Santiago actúe de mediador para conseguir a continuidade do persoal da liña de transporte ao aeroporto e a mellora da prestación deste servizo para a veciñanza da Lavacolla. Así, propuxo buscar medidas legais a fin de que na licitación do contrato do transporte urbano se garanta o dereito á subrogación destes traballadores/as e, ademais, dadas as queixas da veciñanza por atrasos, duración das expedicións e mal estado e condicións dos autobuses, o BNG propuxo no Pleno abrir un expediente urxente para avaliar a calidade do servizo que se presta na actualidade.

O BNG trasladou ao Pleno unha moción, aprobada por unanimidade, para que o Concello de Santiago de Compostela, ao abeiro do Día de Rosalía de Castro, promova unha campaña para a difusión da imaxe e de versos significativos desta escritora para que a veciñanza pendure de galerías, balcóns e fiestras o 24 de febreiro co fin de contribuír a difundir a súa obra. Tamén propón que o Concello de Santiago de Compostela elabore e distribúa, de acordo cos centros educativos, materiais específicos relacionados coa súa ligazón á cidade para a difusión da obra de Rosalía de Castro entre o alumnado, ademais de colaborar coas actividades que promova a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) dotando orzamentariamente premios para colaborar na promoción e difusión da súa obra entre a comunidade educativa.

Para o BNG, é fundamental que o Concello de Santiago celebre o Día de Rosalía de Castro o 24 de febreiro, data do seu nacemento co obxecto de difundir a obra, o pensamento e o impulso ao idioma galego que supuxo a recuperación do uso literario por parte da escritora galega máis universal.

Ademais, o BNG defendeu outra moción para realizar un plan de mellora da accesibilidade e mobilidade que atenda as necesidades da veciñanza da Almáciga, ademais de incluír nos Orzamentos de 2021 a creación dun espazo infantil neste barrio e de instalar paneis informativos para a divulgación de lugares de interese cultural e histórico na zona. Aprobouse cos votos a favor do BNG, PP e CA; o PSOE abstívose.

 

Apróbase a proposición do BNG para a reformulación do Xacobeo para fomentar o turismo de calidade e de proximidade