PLENO

Apróbase a proposta do BNG para que se apliquen bonificacións no recibo de residuos por recollida en días alternos e para familias monoparentais

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
Resumo das iniciativas do BNG no Pleno ordinario de maio de 2021
Apróbase a proposta do BNG para que se apliquen bonificacións no recibo de residuos por recollida en días alternos e para familias monoparentais

Aprobouse, por unanimidade, unha moción do BNG para transmitir o rexeitamento á intención do Goberno español de estabelecer peaxes nas autovías de titularidade estatal

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021.-  O Pleno ordinario de maio aprobou unha proposición do BNG para que se apliquen bonificacións no recibo de residuos por recollida en días laborábeis alternos e para adoptar un procedemento áxil e sinxelo destinado a facilitar a devolución do cobrado de máis ou a tramitación dos beneficios rogados, de maneira relevante no caso das familias monoparentais e colectivos máis desfavorecidos. A iniciativa foi aprobada, cunha emenda transaccional, cos votos a favor de BNG, CA e PP; o PSOE votou en contra.

Así, o BNG conseguiu que se vaian realizar as xestións necesarias para aplicar esta redución da taxa de residuos nas localizacións onde se efectúa a recollida de residuos en días alternos, en parroquias do rural, para devolverlles os cartos cobrados de máis ás persoas que contan con estas bonificacións no recibo do lixo, ademais de aplicar esta bonificación e facela efectiva a partir desa regularización. Do mesmo xeito, aplicarase o recollido nas ordenanzas 3.14, 3.15 e 3.16, nos artigos 7 b e 6 c da última delas, relativas á taxa polo saneamento e depuración de augas residuais, taxa pola subministración de auga e conservación de contadores e taxa por prestación do servizo e tratamento de residuos sólidos urbanos, onde figura a exención do pago para familias monoparentais até que o/a menor cumpra 3 anos de idade, unha medida que segue sen aplicarse pese a existir solicitudes rexistradas.

Aprobouse tamén a outra proposición do BNG para mellorar o Parque de Carlomagno nas Fontiñas e para que se una co barrio de San Lázaro, para facilitar o tránsito a pé destes dous enclaves e gañar novas zonas de paseo.Trátase dunha intervención no Parque de Carlomagno, con novos percorridos en socalcos que permitan un mellor aproveitamento desta zona verde. Isto debe ir acompañado da instalación e mantemento de novas fontes, bancos para descansar e espazos de sombra, co fin de gañar utilidade e de tirar mellor proveito do pronunciado desnivel desta zona verde, para que poida ser espazo de encontro para xente de todas as idades. Así, cada liña disporá de visión en formato panorámico sobre a paisaxe urbana e serán moitas máis as persoas que poidan gozar este emprazamento con maior amplitude de espazo, con percorridos en forma de circuítos sobre este outeiro e sen formaren aglomeracións. Aprobouse cos votos a favor de BNG e CA, PP e PSOE abstivéronse.

Navia Rivas defendeu un rogo para mellorar a seguranza viaria na Almáciga, en lugares con falta de visibilidade e de accesibilidade. Así, trasladou a necesidade de adoptar medidas para mellorar a seguranza viaria e accesibilidade, tanto para vehículos como para persoas que transitan a pé, nos cruces de San Roque a Tras Santa Clara, ademais de na travesa dos Basquiños, todas elas no barrio da Almáciga.

Goretti Sanmartín reclamou, mediante outro rogo, que o Concello instale en Galeras, ao abeiro da Comisión especial de Memoria Histórica e en colaboración coa Plataforma de Galeras, unha placa cunha fotografía do edificio da cadea de Santa Isabel en memoria de milleiros de presos e vítimas de represión franquista que estiveron alí entre 1939 e 1946. Lembrou tamén que está pendente a instalación doutra placa no aeroporto de Santiago - Rosalía de Castro, en lembranza das persoas que traballaron no campo de concentración da Lavacolla.

Unha das preguntas do BNG foi para saber se o Goberno local ten previsto, e en que prazo, abrir o servizo municipal de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBTI, tal como se aprobou en Pleno en xuño de 2020, tendo en conta as dificultades que padece este colectivo.

Inquiriuse tamén para saber se teñen previsto instar a Xunta de Galiza a demandarlle ao Arcebispado de Santiago a apertura continuada do Panteón de Galegos Ilustres, dado o seu carácter de interese social e utilidade pública, coa finalidade de garantir un acceso igualitario a todos os públicos visitantes e sen vetos a este espazo. Na actualidade, o Panteón de Galegos Ilustres permanece pechado desde o comezo da pandemia por decisión da Igrexa, impedindo que calquera visitante poida achegarse a un espazo referente e simbólico para a representación do pobo galego.

Unha moción do BNG, aprobada por unamimidade, foi destinada a activar o protocolo de protección das vítimas de violencias de xénero e a incrementar a coordinación política, xudicial e das forzas e corpos de seguridade para evitar a revitimización. Goretti Sanmartín reclamou que, a través da convocatoria da Mesa local de Coordinación contra as violencias de xénero, se inste as forzas e corpos de seguridade e os organismos do ámbito xudicial que correspondan, a aplicaren o disposto no protocolo de actuación sobre delitos sexuais do Partido Xudicial de Santiago e no convenio subscrito entre o Ministerio de Interior e o propio Concello de Santiago de Compostela para activar a aplicación informática que dá soporte ao “Sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero”, cunha base de datos común e compartida, por parte de todos os axentes participantes co obxectivo de evitar as duplicidades do procedemento e a revitimización das mulleres e crianzas agredidas.

Aprobouse, por unanimidade, unha moción do BNG para transmitir o rexeitamento á intención do Goberno español de estabelecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por consideralas unha medida regresiva que crea barreiras económicas no acceso a servizos básicos como son as infraestruturas viarias, porque incrementa a inseguranza viaria e supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galiza.

Outra das mocións do BNG foi para frear a invasión de parques eólicos en Galiza. Así, reclama desenvolver e aprobar un novo marco regulador do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e ambientais, a comezar por un novo Plan Sectorial Eólico tendo en consideración as necesidades de Galiza e o papel doutras tecnoloxías, ademais de contar cunha ampla participación de asociacións veciñais, agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación e comunidades de montes. Aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e CA; o PP votou en contra.

Nos mapas da Xunta e do Ministerio de Transición Ecolóxica figuran rexistrados 21 proxectos eólicos na área de Compostela -concretamente nas comarcas de Ordes, Xallas, Barcala e Sar- emprazamentos onde está a xurdir oposición social pola afectación hidrolóxica, arqueolóxica e de impacto ambiental, urbano e paisaxístico dos máis de 200 aeroxeradores previstos.

O BNG trasladou tamén unha moción -a proposta da Asociación de Amizade galego-cubana Francisco Villamil e da organización de Solidariedade para o desenvolvemento e a paz (SODePAz)- para que o Concello de Santiago de Compostela participe no proxecto solidario de vacinación contra a covid en Cuba, ademais de mostrar o apoio ao levantamento do bloqueo político, económico, comercial e financeiro que o Goberno dos Estados Unidos de América mantén contra este país. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e a abstención do PP.

 

Apróbase a proposta do BNG para que se apliquen bonificacións no recibo de residuos por recollida en días alternos e para familias monoparentais