Apróbase por unanimidade a iniciativa do BNG para a creación dun rexistro de camiños públicos

Apróbase por unanimidade a iniciativa do BNG para a creación dun rexistro de camiños públicos

O BNG trasladou as reivindicacións da Plataforma de Emigrantes Retornados, que compareceron ao inicio da sesión

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2016.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno unha proposición destinada a crear un rexistro de camiños públicos e a súa correspondente ordenanza. En concreto, fai referencia ás vías de dominio público e patrimonial e tamén ás servidumes de paso. Recibiu o voto unánime da Corporación.

O BNG trasladou ao Pleno as reivindicacións da Plataforma de Emigrantes Retornados, para requirir o apoio do Concello de Santiago ás persoas afectadas polas reclamacións da Axencia Estatal Tributaria sobre as pensións percibidas no estranxeiro. Ademais, a formación nacionalista convidou a Plataforma de Emigrantes Retornados a intervir na sesión plenaria para expor as súas reivindicacións.

Cunha moción de urxencia do BNG, acordouse unha declaración institucional con motivo do 40º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática.

Con motivo das reivindicacións do 8 de marzo, trasladou unha moción para reclamar,por unha banda, un Plan galego de emprego feminino e, por outra, para instar ao Goberno da Xunta a elaborar un Plan de corresponsabilidade que inclúa actuacións para facilitar a conciliación da vida persoal e familiar conforme a lexislación vixente. No último punto requiriu que o Concello apoie publicamente e chame á participación das veciñas e veciños nos actos e reivindicacións das organizacións e colectivos feministas con motivo do 8 de marzo.

O BNG requiriu, mediante un rogo, que se fomente a utilización da linguaxe inclusiva na web institucional e na documentación do Concello de Santiago. Tradicionalmente quedou relegada a presenza das mulleres en moitos ámbitos e unha mostra máis é a propia comunicación municipal, para tamén mellorar a calidade lingüística do persoal.

O BNG demandou, noutra das iniciativas, que se amplíe a primeira rotonda do Polígono do Tambre para evitar os atascos. Demandou tamén que se mellore a sinalización para acceder ao Polígono do Tambre e ao tanatorio de Boisaca.

Na quenda das preguntas orais, o BNG formulou unha para coñecer por que se modificou o mapa escolar sen contar coa comunidade educativa, cando é preceptivo consultar o Consello Escolar Municipal; outra para interesarse pola demora do inicio das obras de pavimentación na avenida de Vilagarcía cando o contrato se formalizou, por urxencia, hai máis de tres meses e a obra non comezou; e mais unha para saber as causas que motivan que as obras do Centro Sociocultural do Romaño-Vista Alegre sigan sen certificar cando levan máis dun ano sen prórroga recoñecida.

Apróbase por unanimidade a iniciativa do BNG para a creación dun rexistro de camiños públicos