O BNG apoia a campaña do Movemento Galego da Saúde Mental para a prevención do suicidio

O BNG apoia a campaña do Movemento Galego da Saúde Mental para a prevención do suicidio

Dará unha badalada este mércores ás 19:50 horas ao pé da Catedral de Santiago

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2016.- O Movemento Galego da Saúde Mental organiza unha campaña pola prevención do suicidio cun acto diario, ás 19:50 horas, na praza de Praterías, ao pé da catedral, no que distintas organizacións, asociacións e movementos sociais dan unha simbólica badalada en lembranza de que unha persoa morreu por esa razón en Galiza. Deste xeito denúnciase que non se fixo nada desde a Xunta para cumprir coa orientación da OMS de desenvolver o Plan Galego de Prevención do Suicidio. Este mércores dará a badalada o BNG.

PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO, XA!

A morte por suicidio é un dos mais graves problemas de saúde pública. Case tódolos días do ano morre por suicidio unha persoa en Galiza.

A cantidade de persoas falecidas por esta causa aumentou dende o comezo da crise, tanto no Estado español como en Galiza, chegando a ser a principal causa de morte “externa” no noso país segundo o Instituto Nacional de Estatística.

A maioría das veces a morte por suicidio é resultado da combinación de razóns nada misteriosas: sufrimento psíquico intenso que con frecuencia afecta á saúde mental da persoa, carencias (afectivas, económicas, de expectativa de algo mellor por diante, soidade, dor, enfermidade grave, incapacidade para manexar dificultades relacionais e emocionais...), empobrecemento, paro, débedas, perda da vivenda...

A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu en 2011 aos gobernos dos países europeos que a crise levaba un aumento do risco de suicidios se non se adoptaban políticas activas de emprego para reducir o paro, de reforzamento da protección social e sanitaria, de alivio da carga da débeda sobre as persoas que a sofren, e de apoio ás familias. No noso país fíxose a política oposta e, desgraciadamente, esa predición cumpriuse: os suicidios aumentaron relacionados coa crise e coas políticas desenvolvidas ante a mesma. As investigacións realizadas en Galiza así o confirman.

En 2013 a OMS fixo un chamamento mundial a todos os gobernos para que desenvolvan estratexias de prevención de tal xeito que en cada país se reducira a cantidade de mortes por suicidio nun 10% para o ano 2020, e urxiu a actuar xa. Hai tres anos que tiñamos que ter en marcha o Plan de Prevención do Suicidio para o noso país. O goberno da Xunta de Galiza non fixo nada ao respecto.

O compromiso de toda a sociedade na prevención é fundamental. A obriga do Goberno da Xunta de Galiza é ineludíbel. Urxe o Plan Galego de Prevención do Suicidio.

O BNG apoia a campaña do Movemento Galego da Saúde Mental para a prevención do suicidio