O BNG apoia a proposta de exención da taxa das terrazas en 2021

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Reclama un plan de rescate da Xunta e do Estado para hostalaría, comercio, turismo e cultura
O BNG apoia a proposta de exención da taxa das terrazas en 2021

Propón destinar 4 millóns de remanentes municipais a estes sectores e outros 4 millóns a obras comprometidas nos barrios

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2020.- O grupo municipal do BNG apoiará a proposta de exención do pagamento da taxa de terrazas para hostalaría en 2021, tal como demandou este sector, que será aprobada no Pleno do vindeiro luns.

Ademais, Goretti Sanmartín, avanzou que neste contexto de pandemia o BNG propón destinar, dos máis de 9 millóns de euros dispoñíbeis de remanentes de tesouraría, 4 millóns a sectores castigados polas medidas de prevención sanitaria como son hostalaría, comercio, turismo e cultura que precisan un impulso económico e outros 4 millóns a investimentos en obras dos barrios que xa teñen proxecto e foron aprobadas en Pleno a petición de colectivos veciñais.

“O BNG observa con moita preocupación a situación de distintos sectores económicos fundamentais en Santiago de Compostela como o cultural, hostalaría, turismo e comercio e por iso imos apoiar non cobrar a taxa de ocupación das terrazas durante todo o ano 2021”, explicou.

Reclama un plan de rescate da Xunta e do Estado para estes sectores

Entende tamén que é necesario continuar a reclamar do Goberno do Estado e da Xunta “un plan de rescate para estes sectores que teña en conta a súa especificidade nunha cidade capital do país como é Santiago de Compostela”, engadiu.

Para alén destas medidas, afirmou que desde o propio Concello teñen que habilitarse fondos para subvencionar e apoiar iniciativas que sirvan para compensar estes sectores das perdas que están a ter polas restricións sanitarias que nestes momentos e con moita probabilidade seguirán en vigor nas próximas semanas e meses.

“Queremos propor que deses remanentes que ten o Concello de Santiago se dediquen fondos a obras nos barrios, aquelas que teñen proxecto, foron aprobadas en Pleno e existe compromiso coa veciñanza para que se efectúen; e tamén que se dedique cando menos 1 millón de euros para cada un destes sectores que son fundamentais para a economía de Santiago: hostalaría, cultura, comercio e turismo”, explicou. “Esta proposta de destino dos remanentes será unha medida de compensación que complemente un plan de rescate que o BNG vai continuar a demandar no Parlamento galego e no Congreso”, destacou a portavoz municipal nacionalista en Raxoi.

O BNG apoia a proposta de exención da taxa das terrazas en 2021