O BNG aposta por paralizar os expedientes abertos sobre o arranxo das beirarrúas dos vaos

O BNG aposta por paralizar os expedientes abertos sobre o arranxo das beirarrúas dos vaos

O mal estado dunha parte importante das beirarrúas non se debe ao mal uso dos vaos, senón ao desleixo das políticas de mantemento do propio Concello de Santiago”, explica Rubén Cela

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sobre a pretensión do Goberno de Compostela Aberta de cargarlle aos veciños e veciñas de Santiago o custe do arranxo das beirarrúas con vaos de garaxes, afirmou que “ten afán de recadar ademais de eludir responsabilidades dun acaído mantemento das rúas e beirarrúas”.

Así, o BNG trasladaralle ao Goberno de Compostela Aberta a petición de que se paralicen os expedientes abertos sobre o arranxo de beirarrúas, coa revisión da interpretación do artigo 90 da ordenanza, porque nunca se aplicou e porque habería que demostrar que os desperfectos causados polo uso do vao fosen por unha utilización indebida, tendo que en conta que a comunidade de propietarios/as non ten responsabilidade sobre o uso que fagan camións, por exemplo.

Ademais, Rubén Cela requirirá unha revisión integral dos vaos de garaxes Santiago “en aras dunha loita contra a fraude fiscal”, cun cambio nas placas que inclúa un autocolante que identifique que está dado de alta e coas obrigas tributarias ao día. “Por desgraza”, afirmou, “sábese que hai moitos que non pagan e ademais de ser insolidario con respecto a quen paga é unha fuga de recursos públicos para o Concello”.

Demandará unha revisión das ordenanzas fiscais para calcular a fórmula do pagamento dos vaos, pois na ponderación non se dá conta do número de vehículos por garaxe e están sobredimensionados os metros de vao. “Non debera ser indiferente que un garaxe teña un coche ou 200 coches e iso non está ben calibrado nas fórmulas de ponderación das ordenanzas fiscais”, explicou.

Estas peticións que o BNG trasladará á reunión prevista a vindeira semana melloran a xestión dos cobros e a solidariedade entre os veciños e veciñas, indicou o portavoz nacionalista, dun xeito equitativo e para que o Goberno local non siga na senda de castigar comunidades de propietarios/as ante deficiencias do propio Concello. “O mal estado dunha parte importante das beirarrúas non se debe ao mal uso dos vaos, senón ao desleixo das políticas de mantemento do propio Concello de Santiago”, concluíu.

O BNG aposta por paralizar os expedientes abertos sobre o arranxo das beirarrúas dos vaos